Achégome
a Os corpos invisibles
como parte do meu traballo: ler obras que lles poida recomendar aos
meus alumnos e alumnas. Devoro o libro nunha tarde gris de Nadal e
déixome ir a través das palabras de Emma Pedreira ata unha tarde,
tamén gris, do século XIX. As rúas poirentas da Revolución
industrial descritas nas primeiras páxinas fan que te sitúes e que
te enchas de borralla canda a protagonista, Loretta, o corpo
invisible máis evidente agochado baixo unha funda de traballo e unha
pucha.
O
outro corpo invisible é Prometea, nin
nova nin vella, nin bonita nin desagradable, nin moi millonaria nin
moi pobre, mais invisible. A súa
invisibilidade non lle permite sobresaír no mundo de homes que a
rodea. Prometea encarna o mito clásico ao seren a encargada de
darlle luz a Loretta para que saia da súa invisibilidade.
Cunha
rica linguaxe e unha prosa áxil, Emma Pedreira, vainos levando da
man de Prometea e de Loretta ata outras mulleres, tamén invisibles
no seu tempo: Charlotte Brontë, Emily Brontë, Aphra Behn, Ada
Lovelace, Jane Austen, George Eliot (Mary Ann Evans), Cristina
Rosseti e Mary Shelley.
O
xogo conceptual é marabilloso e está perfectamente tecido. Un
triángulo de invisibilidades que se complementa. Loretta
traballadora desde os sete anos nunha fábrica, agocha o seu corpo
para semellar un neno e así escapar dos abusos dos homes. Prometea,
cun corpo inútil e unha mente marabillosa, vai substituíndo as súas
partes inservibles por anacos de corpos de escritoras ás que
admiraba, elas son o terceiro ángulo, no que destaca a homenaxe a
Mary Shelley, nai do moderno Prometeo.
A
obra, gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil no 2019,
está publicada na Colección Fóra de Xogo de Xerais. Gustaríame
que isto non fose motivo de rexeitamento para lectores que non se
consideren “xuvenís”, porque sería unha mágoa que as etiquetas
fagan desta obra un corpo invisible.
Este
libro encantoume, porque deixou pouso en min.
“Porque
a cultura é todo iso que queda como un pouso despois de esquecer
todos os libros que lemos” páx. 23,
Os corpos invisibles,
Emma Pedreira.
Raquel
Castro
______________________________
GÁLIX
aporta cada mes unha
recensión feita por algún socio para a sección Este
libro encantoume da
OEPLI,
ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as
recomendacións das seccións
aquí,
na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no
noso blog (bota un
ollo na barra lateral!). Se queres colaborar
coas túas recensións para esta sección, non dubides en nos
contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]