O blog de GÁLIX

Amosando publicacións coa etiqueta Anxo Fariña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anxo Fariña. Amosar todas as publicacións

 


Anxo Fariña, Vigo 1977,

Socio nº 322 de GÁLIX

Ilustrador, escritor e deseñador de libros infantís e xuvenís en galego.

É licenciado en Belas Artes. 

 

 

 

Ten participado en Salóns do Libro, obradoiros de ilustración, campañas de promoción do galego, como «Graffiti e letras», «Creando historias con Anxo Fariña» e «Ti creas a historia».

Colaborador habitual en actividades de formación do profesorado e do alumnado en actividades organizadas polos centros escolares

Creador das exitosas series:

  • Os megatoxos
  • Antón e Pompón

  • Don Quixote e Breogán

  • O Pelelliño
  • Gliz, o pastor de nubes

 É tamén autor de:

  • Os magos das formas. (A Nosa Terra, 2004).
  • Xabi non pode durmir. (A Nosa Terra, 2004).
  • As linguas dos animais. (A Nosa Terra, 2007).
  • O ladrón de palabras. (A Nosa Terra, 2008).
  • A Monstroescola. Que veñen os monstros!. (A Nosa Terra, 2008).
  • A chave da Atlántida. (Xerais, 2011).
  • Os ecos do lume (Xerais, Col. Merlín, 2019).

Recibiu os premios Merlín (2011) e Frei Martín Sarmiento (2013)

 

--- a difusión da nosa literatura debería ser un traballo de todxs.
  1.  Ti es o socio número 322. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?

Creo que o seres humanos funcionamos mellor en equipo por solitario e, aínda que escribir ou ilustrar sexa un traballo normalmente individual, a difusión da nosa literatura debería ser un traballo de todxs.

  1. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?

A biblioteca do meu colexio público.

  1. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?

Infinitos… Non podo escoller un só.

  1. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?

Penso que a mesma resposta da anterior pregunta. Limitar “o imprescindible” a unha ou un autor, a un estilo, ou unha temática é algo imposible para min.

  1. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?

Pois con calquera dos personaxes dos Megatoxos ;)

A maior fortaleza (da LIXG) é o incrible talento e dedicación de autoras e autores á hora de escribir nunha lingua minorizada e as veces maltratada.

  1. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?

Eu mesmo. Non é unha cuestión de egolatría, senón porque cando escribo o fago co meu caderno de debuxo ao lado. Para min narrar é unha cuestión tanto de palabras como de imaxes.

  1. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.

A maior fortaleza é o incrible talento e dedicación de autoras e autores á hora de escribir nunha lingua minorizada e as veces maltratada.

A maior debilidade é que nunha escola ou instituto falen de literatura galega a un libro traducido do inglés ou outro idioma. As tradutoras e tradutores teñen todo o meu respecto, pero a literatura é creación. E polo tanto debería estar diferenciada. A ninguén se lle ocorre dicir que as obras de William Shakespeare (por moito que estén traducidas ao castelán ou outras linguas) sexan literatura hispana.

Se non apoiamos a creación desde Galiza e en galego, nós mesmxs somos os que tiramos pedras no noso tellado.

Engadir, por suposto, a falta de apoio institucional e o maltrato á nosa lingua.

  1. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución

Tristemente, o descenso de lectores na nosa lingua.

  1. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?

Insuficiente. Tal e como comentei na outra cuestión.

  1. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.

Apoio á creación galega en Galego.

Apoio @s creador@s.

Apoio a tradución a outras linguas.

 Descargar PDF