O blog de GÁLIX

Amosando publicacións coa etiqueta Xoán Babarro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xoán Babarro. Amosar todas as publicacións

 


Maio
2025

Recomendamos As vinte fadas de Lala Rus de Xoán Babarro

 

 

 

Neste 2025 dedicado ao cancioneiro popular de noso, non podo deixar pasar a oportunidade de recomendar a lectura dAs vinte fadas de Lala Rus, entre outras moitas razóns, porque se trata dun breve cancioneiro no que cada composición, pola súa temática e estrutura, ben podería ser entoada por algunha das cantareiras de máis sona do país.

Estamos ante unha obra coral de voces femininas pertencentes ao noso imaxinario popular, que, con frecuencia, se ven eclipsadas polas doutros seres mitolóxicos que adoitan ter máis presenza na literatura galega. “Mais as fadas tamén existen”...; con esta contundencia exprésase o autor tras pasar uns días con Lala Rus.


E quen é Lala Rus? Para descubrilo, debedes ler con atención as páxinas que abren este libro. Só vos direi que os seus argumentos son de autoridade por se tratar dunha persoa vencellada ao folclore, moi observadora e que gusta de contar historias.

Mais estas fadas ou mouras ou xanas..., con estes nomes son tamén coñecidas, non se limitan a cantar, a enfeitarse ou a protagonizar feitos máxicos, elas son fadas apoderadas, con “oficio e beneficio”, representan unha realidade onde as mulleres, desde a súa liberdade, poden ser o que queiran ser.

Un grande acerto a combinación de cada canto cun fragmento en prosa, que, amais de ampliar a información sobre as fadas, serve para romper expectativas. Unha vez máis, Xoán Babarro fai gala nesta obra da súa mestría na arte da versificación e do seu exquisito estilo literario, tan rico en imaxes suxestivas.

Da man destas vinte fadas, viaxaremos pola nosa xeografía e polas súas variedades lingüísticas, lembraremos xogos tradicionais... Prestade moita atención, en calquera momento podedes topar con algunha delas.


Irene Penas Murias




GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.


 


N
ovidades da Editorial Galaxia que chegaron, como doazón, á Biblioteca de GÁLIX :
  • Carliños, capitán!

  • Historia do vampiro que perdeu os cabeiros

 

Título: Carliños, capitán!



 

Texto: Xoán Babarro González

Ilustración: Lidia Nokonoko

Editorial: Galaxia

Colección: Árbore

+ info: https://editorialgalaxia.gal/produto/carlinos-capitan/





Título: Historia do vampiro que perdeu os cabeiros



 

Texto: Xosé A. Perozo

Ilustración: Lucía Cobo

Editorial: Galaxia

Colección: Álbumes

+ info: https://editorialgalaxia.gal/produto/historia-vampiro-que-perdeu-os-cabeiros/

XOAN BABARRO

NOTA AUTOBIOGRÁFICA


Sábese que nacín no lugar de Calvelo (parroquia de Zorelle e concello de Maceda) en 1947, que estudei Maxisterio e Filosofía e Letras, que fun mestre de Primaria e catedrático de Lingua e Literatura Galega de ensino medio, que fixen a tese de doutoramento sobre o galegoasturiano, que entrei oficialmente na literatura infantil co conto Zoca zoqueira (primeiro premio no Concurso “O Facho” de 1974), que colaborei na revista Vagalume, que dirixín a colección “O Trolebús” da Editorial Casals etc. Pero neste apuntamento quero ter un pequeno recordo para as vivencias literarias da infancia.

Fotografía de Ricardo Couselo

Aprendín a ler na escola unitaria mixta que tiñamos en Calvelo. Alí accedín a textos de autores en castelán (Tomás Allende, Germán Berdiales, Juana de Ibarbourou, Alfredo Marqueríe, Rafel Morales, Amado Nervo...) e tamén ás impactantes narracións bíblicas (Sansón, Goliat, Xosé, Moisés, a súa vara máxica...), coma en moitos centros da época. Pero, a maiores, no medio rural contabamos daquela cunha escola paralela, a da cultura tradicional, onde ocupaba un lugar salientable o fenómeno literario (contos, lendas, adiviñas, cántigas, recitativos...). Estes textos, a miúdo de carácter iniciático, ofrecían unha temática moi variada:

  • Enredos para tomarmos conciencia do corpo durante a primeira infancia:  
As cabras de Xan Barbeiro / todas van por un carreiro.  
Unhas brancas e outras negras / e outras monas das orellas.
  • Trabalinguas e recitativos para articular sen tomar alento:
Catro bois e catro vacas / soben carro costa arriba. 
Non hai home nesta terra / que catro veces o diga.
  • Letras asociadas a xogos:
–En que estás? / –En taburete. / –E que comes? / –Pan e leite.
–Darasme un pouquiño? / –Darei, darei... / –Baixa tu, que eu subirei.
  • Arremedos de animais: 
Cacaracá! / Ponte na pa! / Fai un bolo! / Non comas todo! 
Deixa algún / pró San Pernil, / que o traio atado / por un cuadril!
  • Fábulas: 

En mentes andabas no vrao de amieiro en amieiro “chirlo-merlo, 

chirlo-merlo!”,

buscaras pan pró inverno [díxolle a formiga á merla].

  • Climatolóxicos: 
Con dous que me faltan e dous que me empreste o meu irmao Abril 
heichas de pór todas en chambaril [díxolle Marzo ao pastor que non lle cumprira co prometido].
  • “Reises”: 
Esta casa caleada, / caleada de pemento,
que por moitos anos vivan / os señores que están dentro.
  • Mnemotécnicas: 
Ana, Rabana, / Rabeca, Susana, 
Lázaro, Ramos, / que en Pascua che estamos [sete semanas da Coresma].
  • Enigmáticas oracións: 
Padrenuestro pequeniño, / polo ceo vai ruxindo,  
cantan galos, abren luces, / todos os santiños levan cruces.
  • Ensalmos: 
Desadorméceme pé, / que te hei levar ó San Tomé; 
cun carriño de toxos / heiche queimar os ósos.
  • Réplicas: 
[–Merda!] / –Cúmea, lápaa, chápaa! / Na túa boca se conserva. 
Pró teu burro non hai mellor herba.
  • E incluso esconxuros cun impreciso valor esotérico: 
Neboaceira, putañeira, / vaite prá túa ribeira, 
que te espera teu irmao / cunha pela de manteiga.
  
Esta literatura non só nos unía con formas de vida, senón tamén coa xeografía máis próxima:

E empezaron a correr detrás dil os cas de Calvelo... e os de Vilarellos... e os de Zorelle... e librouse por unha uña negra de que o engrampasen. E, cando se viu libre, dixo o raposo: “Ai, meus peciños pezás, se non forades vós, comíanme os cas. E o rabín rabás..., a tirar pra tras!” 

 

Algunhas narracións, en particular as lendas, recreábanse en lugares concretos. Así, a da nena que descubrira o segredo confiado pola moura ía asociada ás prehistóricas casas dos mouros de Sancristovo, localidade natal da miña avoa materna:

Mariquiña...! Mariquiña...!

–Nin Mariquiña nin Mariqueira,

que a Mariquiña está fervendo na caldeira!

 

Tamén podiamos unir estes pasatempos con determinadas persoas. Recordo aprender o conto das mil mentiras no Soto, na cociña da miña familia paterna, de boca do Nicanor do Carreiro da Fonte, un excelente contador:

Agora vouche contar / o conto das mil mentiras. / Polo mar andan as lebres / e polo monte as anguilas, / polos labrados os peixes / e polo mar as cotorlías. / Polo camiño de Allariz, / por onde os soldados van / encontrei un cabalo morto / por riba dun capitán. / A espuela tíñaa no peito, / a espada no calcañar, / e fun onda unha tendeira / que me fixese o xantar. / A tendeira iba na arada, / a vaca faguía o xantar, / a cadela varría a cociña / e a escoba iba lavar.       

  

Aquelas vivencias dos primeiros anos, as relacións familiares e veciñais e o espazos paisaxísticos que me arrouparon durante infancia penso que marcaron dalgún xeito a miña obra literaria.

ACCESO