OUTUBRO 2025
Recomendamos Xela, aventura na fraga de Inma Soto Iglesias
Logo de Xela, superheroina de aldea, Inma Soto e Clara Cerviño ofrecen una nova entrega protagonizada por esta nena curiosa e valente. Nesta ocasión, o escenario desprázase da aldea á fraga, un espazo natural cheo de vida, misterio e descubrimento. O argumento xira arredor dunha desaparición estraña; Xela debe seguir pistas - pegadas, plumas e restos - ata descubrir que animal se agocha. Así, a historia convertese nun xogo detectivesco que invita a quen le a participar activamente na procura.
O álbum destaca pola súa capacidade de transmitir valores ambientais sen caer na didáctica excesiva. A través de Xela, o lectorado miúdo aprende a observar e respectar os ecosistemas e a recoñecer a contorna. Se o primeiro libro poñía o foco na comunidade rural, esta aventura céntrase na fraga, no bosque, no húmido chan, nos sons que se agochan entre as árbores e a emoción dos misterios naturais.
A narración, sinxela e accesible, sostén o interese grazas ao ritmo pausado que combina suspense e contemplación. Pola súa parte, as ilustracións de Clara Cerviño engaden o marco perfecto: cores vivas, texturas de follas e sombras, pequenos detalles que converten cada páxina nun convite a mergullarse no bosque.
Estamos a falar dunha obra fermosa, comprometida e perfecta para achegar o amor pola natureza, moi recomendable na escola e con Inma Soto como contacontos.
En definitiva, confirma que Xela chegou para quedar. Unha lectura que me encantou e quero recomendar para abrir os ollos, sementar preguntas e conectar coa nosa terra.
Ivana Gómez Abuín
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]