O blog de GÁLIX

Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións

 

A Deputación de Pontevedra vén de anunciar a creación dun premio destinado a recoñecer a pegada das mulleres no ámbito literario.

Como unha das iniciativas xurdidas do Manifesto de Soutomaior para distinguir traxectorias de mulleres no eido da literatura galega prodúcese a convocatoria dos Premios Literarios “Hai unha voz”, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación Clásicas y Modernas.

O premio ten como obxectivo incentivar, apoiar e recoñecer as mulleres galegas que se distingan pola súa traxectoria no ámbito literario, escritoras, editoras e profesionais do sector do libro.

As candidatas deben ser presentadas por persoas integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior ou as entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego relacionadas co sector literario .

 O Premio Carlos Mosteiro de literatura infantil e xuvenil é un certame convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal e a Editorial Galaxia, en colaboración coa asociación Barbantia e creado no 2018 como homenaxe ao escritor veciño deste concello e como medio de promoción para autores e autoras de literatura infantil en lingua galega.

 

O xurado formado por Encarna Pego, Xosé Antonio Neira Cruz, gañador da anterior edición, e Marcos Calveiro decidiu conceder o galardón da quinta edición do Premio Carlos Mosteiro de literatura infantil e xuvenil, á obra presentada baixo o título de Teño un volcán dentro que narra a historia dun rapaz coa síndrome de Asperger e o seu proceso de integración nun novo centro educativo, ademais da adaptación do seu círculo próximo á situación.

A autora da obra gañadora é María Canosa enxeñeira de Camiños e escritora con ampla traxectoria na LIX, libros de divulgación científica e biografías. Directora de Proxectos no Centro de Coñecemento da Costa da Morte. Tamén participou como experta nos concursos da RTVG Cifras e letras, Letras van e Coma un allo. A día de hoxe colabora como articulista en La Voz de Galicia, e foi contertulia en programas da Radio Galega e de Radio Voz.

Referencias á nova na web:

 

A Fundación Xosé Neira Vilas coa colaboración do Concello de Vila de Cruces convoca a 7ª edición do PREMIO XOSÉ NEIRA VILAS DE NOVELA CURTA cos obxectivos de :


  • Impulsar a creación literaria en galego.
  • Fomentar a lectura en lingua galega.
  • Proporcionar obras de referencia de calidade ao público infantil e xuvenil.

 

 

A este premio poderán presentarse:

  • Obras inéditas
  • Escritas en galego
  • Cunha extensión mínima de 50 páxinas e máxima de 150 páxinas
  • O premio ten unha dotación de 1.000€
  • O prazo de presentación remata o 1 de outubro de 2022.

Máis información na páxina da fundación:

http://neiravilas.gal/index.php/gl/premios/premio-xose-neira-vilas


N
ovidade da Editorial Galaxia, doazón da editora para a Biblioteca de GÁLIX :

  • Por mor de cinco pizzas aos catro queixos

 


Título
: Por mor de cinco pizzas aos catro queixos

Autor: Xosé Antonio Neira Cruz

Ilustración: Víctor Rivas

Editorial: Galaxia

Colección: Árbore

+ info: https://editorialgalaxia.gal/produto/por-mor-de-cinco-pizzas-aos-catro-queixos/


Premio Carlos Mosteiro 2021

Novas:


 


O Concello de Pontevedra, en colaboración coa editorial Cuarto de inverno, convoca da quinta edición do certame "Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil" cos obxectivos de dinamizar e fomentar a lectura e  promover do uso do idioma galego.

O certame está aberto á participación de

  • Obras inéditas escritas en idioma galego.

  • Cun máximo de 250.000 caracteres

  • A dotación do premio é de 3.000 €

  • O prazo de presentación remata o 29 de xullo de 2022.

  • A obra premiada será publicada pola Editorial Cuarto de Inverno.

Acceso ás bases


 O Premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación da Coruña, recoñece o traballo de persoas, entidades e iniciativas en prol da normalización lingüística da lingua galega. O premio á entidade recibiuno a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)pola súa "a súa longa traxectoria, con máis de corenta anos, de compromiso co sector literario galego nos seus diferentes xéneros (poesía, teatro, narrativa, ensaio, escrita científica, traducións... ), fomentando o uso e a defensa pública da lingua". Outro dos premios recaeu na iniciativa do proxecto Brazolinda, "non só ter como persoas destinatarias a infancia e o impulso das relacións interxeracionais en lingua galega, senón o fomento da normalización lingüística nos xogos de mesa, un espazo no que o galego non ten moita presenza ata o momento".

O XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua, na categoría de persoas individuais, foi outorgado a María Canosa Blanco, enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, escritora e divulgadora comprometida coa defensa e a promoción da lingua e da cultura galegas, do feminismo e da ciencia en galego.

O xurado salientou o "seu compromiso firme coa lingua galega e longa traxectoria, que se reflicte nos premios recibidos e no recoñecemento e impacto social en múltiples ámbitos: escritora, divulgadora..."

Escribe poesía, narrativa e ensaio, traballa como articulista en La Voz de Galicia, e como contertulia en varios programas radiofónicos e ocupou o posto de experta en programas da Televisión de Galicia. Neste ano 2022 representou á literatura galega na Feira do Libro de Bos Aires

Compre subliñar a súa faceta de escritora LIX con máis de 30 libros de literatura infantil e xuvenil publicados.

Recibiu o Premio Pura e Dora Vázquez no 2011 con O papaventos de Laura e o Premio Merlín do 2017 coa obra Muriel; gañou a primeira edición do Premio Anisia Miranda de Teatro para a infancia 2021 coa peza Travesía Unicornio e premio Follas Novas na categoría de divulgación por H2...OH!!! Pingas científicas.

As biografías Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa e María Casares. A impaciencia por vivir son dúas interesantes achegas para coñecer, de xeito claro e ameno, a figura de dúas das mulleres senlleiras deste país.


Hoxe,
31 de maio de 2022, no marco da Feira do Libro de Madrid celebrouse o acto de entrega do Premio Lazarillo convocado pola OEPLI, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e McDonald´s.


Ledicia Costas resultou gañadora na categoría de Creación
Literaria modalidade xuvenil coa obra A lebre mecánica; de entre as 113 obras presentadas, o xurado destaca os valores temáticos e literarios, a linguaxe áxil e axeitada para un lectorado adolescente do texto presentado por Ledicia.


Ao recoller o galardón, que recibe por terceira vez, a autora valorou a importancia integradora do premio no que se pode participar en calquera das linguas oficiais do estado.

Na modalidade de Álbum Ilustrado, a obra gañadora foi ¿Y tú de que color lo ves? de Víctor Jimeno na que o xurado destacou a orixinalidade, a variedade de miradas gráficas e o humor.

Pechou o acto, D.ª María José Gálvez, Directora Xeral do Libro e a Lectura que falou da necesidade de apostar pola literatura infantil e xuvenil e do calidade das publicacións para o lectorado infatoxuvenil.

Este venres, 20 de maio, fíxose entrega dos Premios Pura e Dora Vázquez de narración infantil e xuvenil, convocado anualmente a Deputación de Ourense en homenaxe a estas dúas irmás, mestras e escritoras que foron precursoras na literatura infantil en galego.

Publicaron tamén textos escritos a catro mans para adultos e infantís.


Nesta XVIII edición resultaron premiados os autores da obra O clube de coleccionistas de selos.
  • Pablo Nogueira autor do texto no que o xurado destaca o valor das relacións familiares interxeneracionais, o respecto polo medio e a visibilización da diversidade funcional.
  • Eva Piay é a autora das ilustracións das que o xurado valora a correspondencia co texto e como representa a idea de diversidade que presenta o texto.




 

Este martes, 17 de maio, Día das Letras Galegas, comunicouse o fallo do 10º premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil, certame literario creado por Baía Edicións no 2004.

Nesta décima edición o galardón recaeu na obra Donas de nós de Ánxela Gracián, presentada baixo o lema María Balteira.

A autora presentou unha peza dramática protagonizada por personaxes da tradición literaria nosa e universal na que o xurado valorou a súa calidade literaria e tamén o humor co que se tratan temas de actualidade e a súa perspectiva feminista.



 

A obra titulada As filloas da Manola, de Blanca Rodríguez Millán e Ramiro José Peralta Torres é a gañadora do II Premio Alberte Quiñoi, para obras ilustradas inéditas dirixidas ao lectorado infantil.

 


O galardón, convocado polo Concello da Estrada coa colaboración de Editorial Galaxia e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, recibe o seu nome como homenaxe ao autor estradense Manuel García Barros.

O VI Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade é un galardón creado en homenaxe a figura do escritor, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia.

  • Para obras inéditas en lingua galega.
  • Dirixidas a público infantil e xuvenil,
  • De temática relacionada coa igualdade.
  • Extensión libre
  • Dotación de 3000€
  • Prazo de presentación de orixinais remata o 12 de xullo de 2022, sexto cabodano de Agustín Fernández Paz. 
 

O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XV Premio Internacional COMPOSTELA.

  •  Para Álbums Ilustrados orixinais e inéditos.
  • En calquera das linguas oficiais da península Ibérica: galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués.
  • O prazo de presentación de orixinais remata o 13 de maio de 2022
  • O premio ten unha dotación de 9000 €
  • A obra premiada será publicada por Kalandraka editora nas cinco linguas oficiais da Península Ibérica.

O certame goza de recoñecemento e prestixio a nivel internacional e moitas das obras premiadas recibiron outros importantes recoñecementos: Listaxe de Honra do IBBY, selección The White Ravens ou Premio Cuatrogatos.

 

CONVOCATORIAS DE LIX. Páxina de Recursos, neste blog.

ACCESO ÁS BASES