O blog de GÁLIX

Amosando publicacións coa etiqueta Álex Mene. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Álex Mene. Amosar todas as publicacións

MARZO 2025


 

Recomendamos Púrpura Tero de David Cortizo




Púrpura Tero é unha novela que mestura ciencia ficción e fantasía e que afunde os seus alicerces no presente. Tamén é un planeta deserto por mor dunha devastación. A planta que constituía a base da vida nese planeta, a xeralaxia, foi sobreexplotada até a súa extinción. A xeralaxia era a principal fonte de enerxía e posuía poderes especiais. O feito de que sexa unha enerxía obtida a partir dun vexetal fai que o seu valor simbólico medre co paso das páxinas. A elección posibilita unha análise sobre a relación que os humanos temos co resto de seres vivos do noso planeta para evidenciar o poder da ecoloxía. Cada vez que unha planta ou un animal se extingue estamos aniquilando a posibilidade de atopar algunha substancia ou solución que nos permita vivir mellor.

No relato resoan homenaxes a Star Wars, Star Trek, Dune e Blade Runner, pero tamén a moitas novelas e películas de serie B. En Púrpura Tero atopamos estirpes, clases sociais, castas, privilexios, seres con luz e un mangado de tribos fartas de vivir baixo o xugo dun poder ditatorial contra o que deciden mobilizarse. Nesa loita terán que percorrer os vieiros de ida e volta que comunican a amizade, a camaradería, o desexo e o amor ao abeiro do saber que acumulan os libros, é dicir, a aprendizaxe e a posibilidade de transmitir esa aprendizaxe a futuras xeracións. Mais en Púrpura Tero tamén se fala da sinceridade das palabras, dos motivos das insurreccións, de atreverse a compartir e de flores que abrollan no deserto. Os tempos semellan ser chegados.

Álex Mene




GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.