O blog de GÁLIX

Amosando publicacións coa etiqueta socios de honra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta socios de honra. Amosar todas as publicacións
  

A xunta directiva de GÁLIX decidiu por unanimidade nomear Socia de Honra 2019 a María Jesús Fernández Fernández, experta en Literatura Infantil e Xuvenil, mestra, crítica literaria e tradutora.
O galardón recoñece ás persoas que teñan destacado polo seu traballo a prol da Literatura Infantil e Xuvenil galega.

Chus Fernández é socia fundadora de GÁLIX onde ocupou os cargos de vogal e vicepresidenta. Colabora na revista CLIJ facendo as reseñas e artigos sobre a Literatura Infantil e Xuvenil galega. Colabora tamén coa Revista Galega de Educación, coa revista Peonza e con Platero. Mentras durou, colaborou tamén coa relembrada revista Fadamorgana. Forma parte do consello de redacción da revista Criaturas.

Foi coordinadora do Seminario Papeles de Literatura Infantil.

No ano 2004 recibiu o Premio Xerais á cooperación no labor editorial polo seu traballo como crítica literaria.

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro venres, día 15 de novembro, ás 19:30 h. nun acto aberto ao público na librería Lume (A Coruña).

O ilustrador Xosé Cobas, amigo da homenaxeada e socio de GÁLIX, realizará a Laudatio.

O Presidente de GÁLIX, Xosé Antonio Perozo fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o seu nomeamento

Nas anteriores edicións recibiron esta mesma distinción Xavier Senín, David Otero, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro, Helena Villar Janeiro, Marifé Quesada  e Paco Martín, Xabier P. Docampo.
Este martes 4 de xuño de 2019, na Biblioteca Pública Ánxel Casal dedicamos o día á lectura dos textos de Xabier P. Docampo, porque tal como nos dixo Pilar Sampedro, organizadora do evento: "A lectura, e máis na nosa lingua, é sempre un acto de resistencia e identidade, por eso o mellor recoñecemento para un escritor tan comprometido é lelo".

As súas amistades e os seus lectores e lectoras, admiradores todos da obra e a persoa de Xabier P. Docampo, enchemos, dende as 10 da maña ás 9 da noite, o salón de actos da biblioteca no emotivo recoñecemento ao Mestre das Viaxes Imaxinarias, o fermoso título que Héctor Cajaraville pensou para a homenaxe.

Pola mañá participaron no acto os centros escolares composteláns. Durante todo o día centos de persoas, a título individual ou como representantes de diversos colectivos, achegáronse para poñer voz ás palabras de Xabier. Chus Fernández, amiga, crítica e máxima coñecedora da súa obra agasallounos cunha fermosa charla titulada Xabier P. Docampo, o escritor. Tradición e modernidade. Para rematar o acto Xosé Antonio Perozo, presidente de GÁLIX, fíxolle entrega á familia, da figura conmemorativa de Socio de Honra que se lle concedera en 2018 e que non se lle puido entregar no seu momento.
As fotos do acto están en:  https://photos.app.goo.gl/v1XTfAcDCG5r8GGPA





Fotografía tirada do Facebook de Xabier P. DoCampo
 Hoxe é un día triste para o noso colectivo en particular e para a cultura galega en xeral. Xabier P. DoCampo deixounos esta noite logo dunha longa enfermidade.

Quen tivemos a sorte de coñecelo e cultivar a súa amizade manteremos vivo o seu espírito de gran persoa, o seu sentido do humor, a súa man permanentemente tendida e o seu carácter entusiasta.

Quen o coñeceron só grazas á súa literatura, ás súas conferencias e charlas ou que tiveron a sorte de pasar polas súas aulas manterán vivo o seu carácter de propagador da cultura, especialmente nos eidos da infancia e da xuventude.

Xabier marchou sen poder recoller o título de Socio de Honra de GÁLIX, que neste ano lle outorgamos, porén todos sabemos que foi unha honra que formase parte, activa e importante, da nosa asociación. Tamén el sabía do noso afecto e admiración.

Hoxe foise o ser humano pero con nós queda eternamente viva a súa obra. Xabier P. Docampo xa forma parte dos nosos inmortais.

Descanse en paz.


Foto: Eduardo Castro Bal,  CC-BY-SA 3.0 
A xunta directiva de GÁLIX decidiu por unanimidade nomear Socio de Honra 2017 ao escritor Paco Martín.

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro mércores, día 8 de novembro, ás 12 h. nun acto escolar aberto ao público no IES Ánxel Fole (Lugo).

O escritor Xabier P. Docampo realizará a laudatio. Despois, o alumnado do centro presentaralle ao homenaxeado diferentes traballos relacionados coa súa obra. Logo da resposta do homenaxeado á laudatio, o presidente de GÁLIX fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o nomeamento.

Nas anteriores edicións recibiron esta mesma distinción Xavier Senín, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro, Helena Villar Janeiro e Marifé Quesada.

Máis sobre Paco Martín:


Entrevistas:
Socio de Honra GÁLIX 2017 - Paco Martín, na prensa  
Laudatio de Paco Martín pronunciado por Xabier P. Docampo e resposta do homenaxeado:
 
LAUDATIO - Xabier P. Docampo

E todo empezou por un paraugas... Aí comezou unha amizade que dura até hoxe. Anteriormente ao incidente do paraugas había un coñecemento mutuo, que é máis que o feito de nos saudarmos, pero non se podía cualificar de amizade até ese día na Coruña en que, despois dunha cea, apareceu o paraugas polo medio de nós.
E agora atópome que, co gallo de que GÁLIX se honra en facer Socio de Honra a Paco Martín, ten a ocorrencia de me encargar a min de facer iso que lle chaman a laudatio, que é chamar a alguén para que fale ben do homenaxeado. No seu Lembranza nova de vellos mesteres, Paco trae ao presente o vello oficio do chufón, aquel individuo que ía por diante loando as virtudes e habelencias, sopesadas ou esaxeradas, do pretendente para que a familia da moza o aceptase de boa gana. Pois ese papel de chufón é o que me toca a min aquí hoxe, así que debo advertir que, moi por enriba de lle ter eu a Paco Martín afecto de irmán, hei tratar de ser moderado e non me dar á hipérbole co fin de que as miñas palabras sexan escoitadas con interese e atención.
Deixádeme que nestas palabras miñas non faga distinción de obras dirixidas a lectores adultos e obras para lectores máis novos, porque nin el nin eu acreditamos en erguer sebes na literatura, porque a literatura ou a é ou non a é, e no caso que nos ocupa éa e dela imos falar sen distincións, sen máis valados nin categorías cas que marca a calidade da obra, que neste caso é superior.
Aínda faltaban uns anos para que aparecese nas nosas vidas o asunto do paraugas cando peguei nas Muxicas no espello, a que teño por primeira obra publicada por Paco Martín e fiquei sorprendido por como as pezas literarias que conformaban esta obra brincaban decontino entre o relato, o microrrelato, se se quere, o poema, o apunte persoal e a relación entre cousas que, aparentemente, non a teñen até que o autor nola pon diante. Eran os primeiros anos setenta e eu fiquei á espera dunha nova obra deste autor, pero este home non é para as présas e tiven que agardar seis anos para que tal cousa sucedese.
Aínda faltaban vinte anos para que o paraugas aparecese nas nosas vidas cando me encontrei con No cadeixo. Alí habitaba a maxia de sempre, a que habitaba nos nosos soños e na nosa vixilia, pero na voz do autor conformaba unha realidade nova, distinta. A continuación esta forma de ver a realidade desde a óptica máxica, non desde o sobrenatural senón desde o máxico incorporado á vida como algo cotián ou natural, como parte da vida, aparece de novo en E agora un ceo de lama. Con estas tres obras, que tanto me sorprenderon e tanto me engaiolaron, eu fiquei preso para sempre da habelencia e do talento literarios de Paco Martín. Decateime de que estaba diante dun escritor que, enraizado profundamente na tradición, nos homes e mulleres que lle deron forma de patria a este país e nos dicían de onde víñamos, era profundamente moderno. Estaba a nos presentar un xeito de facer na nosa a literatura que se se estaba a facer en Europa e no mundo enteiro. Naquelas obras eu estaba a ler a modernidade literaria e ao mesmo tempo a tradición que representaba Cunqueiro e, agora, resoaba en Paco Martín.
Destaco estas tres obras no medio doutras por dúas razóns. Unha é a fonda pegada que deixaron no meu ánimo de lector compulsivo e a outra porque me gustaría poñer en vós o desexo de lelas. Non sexades lectores só de novidades, a nosa literatura ten unha historia inzada de grandes obras, entre elas estas tres (e outras das que vos falarei máis adiante) de Paco Martín.
Xa pouco tempo faltaba para o conto do paraugas e pouco tamén para que Paco Martín nos dese unha obra fundacional na nosa literatura. Pero agora doume de conta de que pasei por enriba de acontecementos fundamentais na vida deste home. Porque é que non vos dixen que é lugués de Recatelo, e iso, que podía pasar coma un feito sen importancia na vida de calquera, adquiriu categoría e grandeza cando se trata de Paco Martín. El fixo do feito de ser lugués de fóra da muralla algo que engrandece á cidade, porque cando Paco olla Desde a muralla, coma o título desoutro libo seu, faino para dentro e para fóra, expande os límites e fai algo grande desta cidade. Porque hai que pasar por Recatelo, en dirección sur, para ir dar ao río alí onde a Ponte Romana, que non hai máis que considerar o nome para ver da súa importancia, o atravesa. Daquela é cando consideras que Lugo, se queredes Recatelo por medio, é unha cidade con río, “a tristeza dunha cidade sen río”, como dixo alguén que agora non lembro. As cidades máis grandes do mundo teñen río, pero non un regato, senón un río senlleiro que vén en todos os atlas, como lle ocorre a Viena co Danubio, a París co Sena, a Londres co Támesis e a Lugo co Miño. E como lugués de tantos anos que é, coñece a canto can e gato hai, pero o caso é que teima en que eu tamén os teño que coñecer, cousa que non é así máis que en moi poucos casos, non se decata de que que só el ten a bonhomía que se precisa para ser un corazón aberto que a tantos acolle.
E andando o tempo deu en mestre e andou mundo porque exerceu este oficio en varios lugares, e todos deixaron forte pegada nel. Forte foi a do País Vasco, pero máis o foi a de Bretoña onde aínda fican grandes lembranzas do seu traballo docente e da súa presenza humana de home do común, dotado dunha intelixencia privilexiada e dunha humildade que facía do trato con el un premio para a alma do paisano co que se encontraba nun camiño ou na taberna.
Xa andaba perto o noso equinocio do paraugas e Paco Martín desde o seu traballo profesional como mestre comeza a aportar a súa sabedoría e experiencia á renovación pedagóxica. Traballa na elaboración de libros de texto aos que achega ideas e materiais didácticos, mais tamén textos literarios en momentos nos que a escola tan necesitada estaba deles. Aí andan Lúa Nova, Coa xente miúda, Galego 1 e 2... É creador e director do semanario Axóuxere que edita o diario La Región de Ourense... E nese empurrar o país e a súa cultura aí o tedes en canto sarillo hai: que se vai crear un Pen Clube galego, alí está Paco; que vai adiante unha Asociación de Escritores en Lingua Galega, alí está Paco; que o benquerido e común amigo Xavier Senín nos anima e empurra a crear esta Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (GÁLIX), alí está Paco; que se nos mete na cabeza resucitar o Seminario de Estudos Galegos ou As Roladas, alí está Paco para que naza Nova Escola Galega... E que sei eu cantos líos máis por amor ao país e á cultura. Por iso tamén a ti che cadra que saibas, e coñeza o mundo enteiro, que contigo, Paco, somos Nación.
Aquí si que algunhas destas cousas que citei xa foron co asunto do paraugas resolto, mesmo xa deixaramos de falar del. Porque o do paraugas foi coincidente con cando Paco fundou a LIX galega, porque isto é así, el é un dos, para min, tres fundadores da LIX galega, o que non quere dicir que non houbese algunha obra solta que todos limos e recoñecemos como moi meritorias. Para min, xa o teño escrito en moitos lugares, hai obras de LIX fundacionais dos distintos xéneros literarios, e entendo como fundacionais aquelas que crearon un ronsel de auga clara na que beberon vizosas obras que viñeron detrás e non como cousas ocasionais, senón como camiño sen volta atrás niso que chamamos o corpus literario dunha lingua.
No xénero poético vai ser o fermoso libro de Manuel María Os soños na gaiola que abrirá vieiro para unha importante obra poética que virá posteriormente a ese ano 1968 en que se publica o poemario de Manuel. No tocante á dramática hai dúas obras que marcan ese inicio: As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, que en 1973 publica Carlos Casares e que gañara nese ano o Concurso de Textos Teatrais Infantís do Facho e que, por certo, nese mesmo ano Sabeliña e os ratos de Paco Martín gañara o Concurso Nacional de Contos Infantís da mesma asociación cultural, O Facho.
No que se refire á narrativa hai pezas illadas que van saíndo aquí e acolá e non é até a aparición de Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín que non se consolida unha LIX galega e se abre un camiño que haberá dar un grande brillo á literatura na nosa lingua. É por iso que eu lle dou a categoría de fundacional neste xénero literario en galego.
Que á Das cousas de Ramón Lamote? Que representa, alén dese carácter fundacional da LIX, na nosa literatura? Pois vóuvolo dicir ás claras: Das cousas de Ramón Lamote é unha das máis grandes obras da nosa literatura, e iso tendo por tales non máis dunha ducia das moitísimas que compoñen o corpo literario da nosa lingua. Teño para min que foi o día do conto do paraugas a primeira vez que falei con Paco desta obra e foi para lle mostrar a miña admiración, que non era de daquela senón que viña de atrás, pero con aquela obra magnificábase a puntos que, eu como escritor, sabía que nunca habería chegar e así foi.
Non teño intención de desmiudar esta obra unha vez máis, fíxeno xa moitas e sería repetición de loanzas e frases de admiración. Ademais quero deixar en vós o desexo de ler esta obra os que non a lerades aínda e volver lela os que xa o teñades feito unha vez, porque obras coma esta pouco valen se non se len varias veces, para ir penetrando máis nelas. Direivos só que Ramón Lamote, o protagonista, e tal como el mesmo se define: “Eu son Ramón Lamote Miñato, profesor particular de Chairego e debuxante de soños por encarga”, pois ben, eu, a forza de me tratar con Paco e de ler e reler o Ramón Lamote, sempre tiven para min (e non son o único) que ambos son un só.  Dous homes e unha cidade, esta, coa que vive un ir e vir de encontros e desencontros, pero sempre nun locus no que Paco e Lamote exercen unha reflexión crítica, pero amorosa. Por iso estes dous homes construíron, é certo, a súa intelixencia e cultura nos camiños da lectura e da reflexión, pero non menos dos da observación dos seres humanos cos que conviven e iso fixo deles homes sensíbeis, carentes de calquera ambición que non sexa a de alimentar a súa alma co saber e coa bondade. Crédeme, iso é Paco Martín: un home intelixente, sensíbel e bon. E os que o coñecemos sabemos que non quere ser outra cousa.
Pouco máis me queda por dicir... Ah, si, o do paraugas... Non sei, será mellor deixalo así, entre ti e máis eu, a fin de contas aos outros que lles importa. Así que vou rematar coas mesmas palabras que escribín nunha carta a Ramón Lamote de hai xa uns anos, e que en realidade era a Paco a quen ía dirixida. Acababa así:
“Máis nada, meu amigo e irmao, fágame a graza de lle dar memorias aos amigos comúns e saiba vostede da miña máxima arela de atencionalo, nunca por embaixo dos seus moitos merecementos.”

RESPOSTA - Paco Martín

Bo día.
Comezarei, como é de educación, agradecéndovos a todas e todos cantos eiquí me acompañades a vosa presenza e as vosas atencións: as autoridades, as compañeiras e compañeiros de GÁLIX, familiares, amigos, a comunidade que conforma o Instituto Ánxel Fole que nos acolle, con especial referencia ás rapazas e rapaces que eiquí traballan, padecen, recrean, soñan e agardan.
Agradezo así mesmo a presenza non física de cantos non poden agora estar eiquí canda nós malia ser ese o seu desexo.
Ben sei que, despois do que xa se dixo de min, o máis intelixente sería calar a boca para evitar comparanzas e permitir que canda elas vaian aparecendo as verdades que as palabras de quen me precederon no falar fixeron por toldar e queden expostas as prosaicas verdades. Sempre lembro a Mack Twain que aseguraba que as escritoras e mais os escritores teñen, de natural, tanto respecto pola verdade que procuran utilizala o menos posible. Pois vós veredes até onde chegan a amizade e o aprecio e comeza a realidade auténtica.
O que si é certo é que estamos agora eiquí, no centro de ensino onde eu pasei os últimos anos do meu labor docente, e que neste acto que a xenerosidade dos responsables de GÁLIX, os do Instituto que leva o nome do meu entrañable mestre a amigo don Ánxel Fole e a do todos vós me consinte un protagonismo que non estou seguro de merecer pero que, xa que nela andamos, quixera levar ós eidos do que sei que é o noso común interese. Recollín nun texto que un destes días pasados me pediran de GÁLIX unha cita de Eduardo Galeano á que  volvo agora. Dicía  escritor uruguaio e pretendo eu agora subscribir: As cousas están tan desastrosamente mal que non nos podemos permitir ser pesimistas. Por iso quixera quedar hoxe diante de todas estas rapazas e todos estes rapaces coma o vello mestre de escola que resiste teimudo ó desánimo dos pesimistas e confía na ilusión dunha loita que non por antiga debe perder alento. E podo porque fago o camiño a carón de tantos compañeiros e compañeiras, de tan formidables amigas e amigos, de xentes tan boas e xenerosas que teño ocasión de beber das fontes das que eles beben, de quecer a carón do lume que eles acenden, de seguir aprendendo do seu maxisterio...  E tantas as razóns: rebeldía diante dunha inxusta falta de recoñecemento, despeito por tanto secular maltrato, lexítimo dereito a recibir –e compartir- alimento desde raíces naturalmente propias, reiterados motivos de índole social, cultural, moral e política, respecto a una tradición da que debemos ser herdeiros, naturais desexos de consolidar o que nos é propio a cada un... Recibimos un legado bastante máis importante que o dourado reloxo de peto que vai pasando, en depósito fiduciario, de xeración en xeración e que cómpre conservar, aínda que atrase, para poder facerllo chegar en relativo bo estado ós fillos dos nosos netos e non vale baleirar o fardelo das nosas responsabilidades na quenlla dun abstracto a quen lle corresponda.
Que aínda nos quedan novecentas sesenta e catro primaveras das que Cunqueiro nos encomendou e temos a obriga de conseguir que florezan cada ano...
Estou, amigas e amigos, en verdade honrado pola deferencia que comigo tedes. O meu máis cumprido recoñecemento por ela e mais por me permitir pensar que canda min se honra, aínda que sexa en moi cativa medida, aquilo polo hoxe estamos xuntos eiquí.
Grazas.