O blog de GÁLIX

Amosando publicacións coa etiqueta Miguel A. Alonso Diz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Miguel A. Alonso Diz. Amosar todas as publicacións

 

No ano 2024, con motivo do 35º aniversario da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil – GÁLIX, redactei, a petición do meu estimado David Cortizo, un artigo para a revista Grial no que repasaba a evolución da nosa LIX desde o nacemento da asociación ata os nosos días.


 

Aquel exercicio de lecturas e análise de datos, puxo de manifesto os magníficos estudos das investigadoras e especialistas que levan tempo afondando na nosa LIX, e espertou en min a necesidade de afondar na etapa anterior, de mirar cara a atrás e descubrir os primeiros pasos dunha literatura pensada para a rapazada galega. Deste xeito, cheguei á Editorial Galaxia.

A Editorial Galaxia nace o 25 de xullo de 1950, cunha vocación que vai máis alá da publicación de libros: nace para acompañar a construción cultural de Galicia. Había moito por facer e as persoas que formaban parte, ou estaban na órbita, de Galaxia asumían a tarefa coma propia. Hai cartas que constatan a preocupación que existía ante a ausencia de publicacións dirixidas á rapazada galega.

Nese contexto, Galaxia establece unha colaboración coa editorial catalá La Galera, da que, do bo facer de Xohana Torres, nacen as primeiras traducións ao galego de obras infantís:

  • O abeto valente, de Jordi Cots (1967)

  • O globo de papel, de Elisa Vives de Fábregas (1967)

  • Unha nova terra, de Francisco Candel (1967)

  • Todos os nenos do mundo seremos amigos, de Eulalia Valeri (1967)

A aprobación do uso das linguas vernáculas en todos os graos do ensino (1970) provoca un aumento da demanda de materiais en galego. Comeza así un novo impulso, tamén editorial, co obxectivo de crear libros próximos á realidade galega. Xunto ás traducións, empezan a publicarse na Editorial Galaxia literatura infantil e xuvenil orixinal, feita por autoras e autores galegos, coa vontade de ofrecer historias próximas, recoñecibles. Algúns dos títulos pioneiros son:

  • Polo mar van as sardiñas, de Xohana Torres (1968)

  • O lobo é o raposo (Popular, 1968)

  • Contos pra nenos, de Laureano Prieto (1968)

  • A galiña azul, de Carlos Casares (1968)

  • O león e o paxaro rebelde, de Bernardino Graña (1969)

  • Don Gaifar e o tesouro – Popular (1970)

  • Cousas de Xan e Pedro – Popular (1971)

  • Miúdo e a campaíña dos grelos, de Emilio Gregorio Fernández (1971)

  • O neno mentirán e o lobo, de F. Delgado Rodríguez (1972)

  • O espanta-paxaros, de Xosé Agrelo Hermo (1972)

  • Calriños e o abó, de Xoan Carlos Arias (1972)

  • O bosque de Ouriol, de Arcadio López-Casanova (1973)

  • A laranxa máis laranxa de todas as laranxas, de Carlos Casares (1973)

  • Os anxos cómense crus, de Jorge Díaz (1973)


     

     

    En 1972, Galaxia publica Contos populares da provincia de Lugo, resultado dun traballo colectivo do Centro de Estudos Fingoy. (Mestres e mestras recolleron contos directamente dos beizos do seu alumnado.)



 

 

 

Ese mesmo ano, Carlos Casares traduce ao galego O Principiño.


 

 


 

E, fóra do círculo de Galaxia, tamén florecen iniciativas moi importantes:

  • Manuel María: Os soños na gaiola (autoedición, 1968) e As rúas do vento ceibe (Xistral, 1979)

  • Pura Vázquez: Versos pra os nenos da aldea (1968)

  • Dora Vázquez: Campo e mar aberto (Celta, 1975)

  • Ambas irmás: Monicreques (autoedición, 1974)

Cabe deixar constancia neste escrito do labor no eido da LIX galega de editoriais como: Edicións Celta (1938), Ediciós O Castro (1963) ou Edicións Xerais de Galicia (1979).

E, por suposto, non podemos esquecer a publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas (Follas Novas, 1961), obra considerada por moitas persoas como fundacional da nosa LIX. Actualmente, Galaxia edítaa en múltiples formatos, incluída a adaptación a banda deseñada realizada no ano 2024 por Iria Aldegunde.


O contexto cultura da época tamén xogou un papel importante. Agrupacións como O Galo (1961), O Facho (1963), Abrente (1969) ou o Instituto da Lingua Galega (1971) foron verdadeiros motores culturais e lingüísticos. Nace a revista Axóuxere e, despois, Vagalume (1975–1978), sendo referentes no eido da LIX galega.



No artigo “O presente”, publicado no Galaxia Almanaque (1950–1975), Ramón Piñeiro recoñecía o desenvolvemento dunha literatura infantil e xuvenil en galego como un dos froitos máis relevantes deses 25 anos de traballo.




 

Tartaruga, Árbore, Sete Mares... e moito máis

O traballo iniciado por Galaxia foi sementando un camiño que deu froitos duradeiros. As coleccións Tartaruga, Árbore, Sete Mares, Costa Oeste, Sonárbore, entre outras, permitiron construír unha oferta editorial estábel destinada aos rapaces e rapazas.

Desde GÁLIX, queremos aproveitar a celebración dos 75 anos da Editorial Galaxia para pór en valor o seu labor protagonista no comezo e desenvolvemento da nosa LIX.

Parabéns á Editorial Galaxia, socia número 45 de GÁLIX, por chegar a esta efeméride con tanta saúde. Grazas polo compromiso e por camiñar canda nós dende os primeiros pasos da asociación.

Quero rematar cunha frase recollida do, xa referido, Galaxia Almanaque (1950–1975):

Un xeito seguro pra non mancar a un pobo é o de escolarizalo na propia lingua”.


Seguimos sementando.



Miguel Alonso Diz

Directiva de GÁLIX

Vigo, xullo de 2025



*As fotografías corresponden a libros da biblioteca persoal de Miguel Alonso Diz

 

Iniciamos hoxe a publicación da sección Rescate en audio, un novo proxecto no que as nosas socias e socios teñen a oportunidade de rescatar aqueles libros que dalgún xeito deixaron pouso e marcaron o camiño do que é a LIXG de ficción e non ficción actual.


Miguel A. Alonso Diz
rescata neste primeiro episodio Vaia tropa de Antón Cortizas un libro de poesía do absurdo, pensado para ser lido de formas diversas: de fronte, de esguello ou no espello. 

Como solicitábamos é unha obra con máis de tres anos, publicada no 2011 por Edicións Xerais de Galicia e que ten unha gran relevancia no acervo literario galego.

 

 

OUTUBRO 2024


 

Recomendamos Mambrú volveu da guerra de Carlos Labraña

 

 

Coñezo ao dramaturgo Carlos Labraña dende hai tempo, e lin boa parte da súa obra publicada, polo que tiven a sorte de vivir parte do seu progreso no oficio da escrita. Para min é un referente innegable do teatro galego. Todo o dito provoca que, no momento de achegarme a un novo título asinado por Labraña, a expectativa sexa alta. Agardo gozar da súa habilidade para abordar diferentes temáticas sociais (xa sexa a través do humor ou do drama); logrando neste proceso tocarme a alma.

Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada” (Editorial Galaxia, 2016) “O valo” (Edicións Xerais, 2017) , ou a recente “Ícaras” (Editorial Galaxia, 2024), entre outros son mostras de todo isto.

Neste “Mambrú volveu da guerra” acada un altísimo nivel literario. A través da palabra constrúe un relato no que tanto os escenarios coma os personaxes que os habitan espertan no lectorado un latexo diferente que pode desembocar en bágoa ou en tenro sorriso.

Diría que é difícil non emocionarse ante unha obra que, con enorme sensibilidade, sitúa diante do lectorado unha temática tan complexa, e necesaria, como é a “Memoria histórica”. Todo está na dose xusta, coma se Labraña acadase o segredo da cantidade exacta de palabra, o silencio medido, a imaxe precisa.

As palabras emoción, dozura e conmovedor aparecen en moitos dos textos que fan referencia a esta obra de teatro. Porque non esquezamos que estamos antes unha marabillosa obra de teatro, mellor dito: TEATRO Así en maiúsculas e negriña para que se vexa ben.

Dende que caeu nas miñas mans, e deitei a miña alma nas súas páxinas, quedei prendido, e debo confesar que é un dos libros que levo na miña mochila durante as miñas visitas a centros educativos. Recomendando a súa lectura tanto ao alumnado como ao profesorado.

Engadir que a poesía pode estar presente nun libro de moitos xeitos, e este libro é poético na palabra, e tamén nas imaxes creadas por Raquel Lagartos. Formando ambas un conxunto en perfecta harmonía. Malia o dito, esquezan a miña voz escrita e ollen a delicada portada que vai canda esta recesión. Creo que é proba suficiente.

Só lles podo desexar que fagan camiño ao carón de Noa e que se deixen levar pola maxia desta obra.

Obra escrita en galego por Carlos Labraña que acadou o XXIII PREMIO SGAE DE TEATRO INFANTIL 2022.



Miguel Ángel Alonso Diz

_______________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.


Creador@s na Reserva é unha publicación, coordinada por María Canosa, que ten o obxectivo de destacar a riqueza natural da Reserva de Biosfera: Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e difundir o recoñecemento outorgado pola UNESCO.

O noso compañeiro e autor dun dos relatos que compoñen este libro, Miguel A. Alonso Diz, fainos chegar a representación en vídeo da súa obra "FEO", ilustrada por Xan López Domínguez.

O libro está dispoñible na web para a súa descarga na nosa web. Eo vídeo estará dende hoxe na canle de GÁLIX en YouTube.

 

 


Abril 2022




Recomendamos  O país da choiva  de Miguel A. Alonso Diz, con ilustración de Xosé Tomás



Se digo que calquera temática ten cabida na LIX actual poucos estarían en contra. A literatura infantil e xuvenil acadou hai tempo a madurez suficiente para achegar aos lectores e lectoras os temas máis diversos. E neste caso, que mellor que falarlles da súa cultura ou cando menos dunha parte, da súa lingua. O galego, que foi quen de superar os momentos máis escuros, semella agora mesmo abandonado polo seu pobo. O número de falantes descende de forma alarmante e quen máis e quen menos ten as súas dúbidas de se chegará ao final deste século. E sobre isto quere falarlles Miguel Anxo Alonso aos máis cativos.A través da ollada inocente de Fonso e de Rosalía, (cada nome do libro está moi ben elixido), o autor amosa a despreocupación pola perda da nosa riqueza lingüística.

Como se dunha novela de misterio se tratara a trama nos leva, pouco a pouco, a tentar descubrir a causa do cambio na forma de falar dos habitantes da vila. Axudados de Antonio, o bibliotecario, os dous protagonistas tentarán debullar o porqué deste cambio mentres xermola a súa historia de amor, ese primeiro amor que todo cambia.


Editado con agarimo por Antela e cunhas fermosísimas ilustracións de Xosé Tomás, O país da choiva é máis que unha obra áxil que enganchará aos lectores, é unha obra necesaria. Se non queremos que o galego quede simplemente como unha nota a pé de páxina nos libros de historia cómpre que os rapaces coñezan o problema. Que a lingua dos seus devanceiros permaneza viva depende, por suposto, deles.


Xavier Estévez


______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.