Guía GALIX: Obxectivos de Desenvolvememento Sustentable

Publicado por GÁLIX | 5.4.23 Deixa un comentario

 Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, aprobada pola ONU en setembro de 2015, como unha oportunidade para mellorar a saúde do planeta e a vida da súa poboación. Constitúese así un plan de acción a favor das persoas e da natureza: un contrato social global.

Conta con 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que xiran, como dixemos, entre o traballo de respecto á natureza e o coidado do ser humano.


A Guía GALIX: Obxectivos de Desenvolvememento Sustentable, que publicamos con apoio da Deputación da Coruña, quere ser unha forma de colaboración dentro do noso ámbito de traballo. Presentamos unha selección de libros en galego, tanto de ficción coma informativos, que tratan estas temáticas nunha guía útil para o tratamento dos ODS por parte da rapazada e mocidade e que poida axudar a familias, bibliotecas e docentes.

A guía está estruturada en 17 seccións ou epígrafes, dispostos segundo a orde dos ODS e representados por cadansúa cor, como nas publicacións da UNESCO, para que resulten facilmente identificables.

 

Establecemos tres tramos de idade (Primeiras lecturas, Lecturas autónomas e Lecturas expertas) que teñen unha intención orientativa, pero non deben considerarse como intervalos pechados.

Cada libro ten unha ficha moi visual para que resulte máis doada a súa comprensión cunha ollada.

Ao rematar cada obxectivo damos conta daqueles títulos que tamén poderían ser útiles nese tema.

A guía Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable  está dispoñible e descargable nos espazos web de GÁLIX, o mesmo que as dúas guías anteriores: Donas no espello da LIXG  e Clorofila en letra para curar o planeta.

Esta guía publicouse coa axuda da Área de Cultura da  Deputación da Coruña, dentro do programa FO215/2022: Convocatoria do programa de subvencións para o desenvolvemento de actividades por parte das entidades sen ánimo de lucro con función de representación sectorial e colectiva a nivel galego das persoas e/ou entidades existentes nos diferentes sectores profesionais e amadores da cultura galega, durante o ano 2022


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]