O blog de GÁLIX

Amosando publicacións coa etiqueta Raquel Senra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Raquel Senra. Amosar todas as publicacións


 

XANEIRO 2025

Recomendamos O libro grande dos números pequenos de Berta Dávila

 

 

 Un libro cheo de números que fomenta a imaxinación! O libro grande dos números pequenos é unha proposta lúdica editada por Xerais na que Berta Dávila botou as sementes en forma de palabra e que Gastón Caba fertilizou en forma de ilustración.

Este álbum ilustrado apela directamente a quen se mergulla nel e convida ao público infantil a aprender a contar do un ao vinte, e do vinte ao un, á vez que tamén serve de introdución ao mundo da poesía, así como un xogo no que as ilustracións permiten confirmar o que o texto comunica, mais tamén descubrir pequenas historias que se agochan en cada prego.

Texto e imaxe fúndense ao longo dunha trintena de páxinas cheas de cor e formas que reverberan coas liñas do cómic ou das historietas, tanto nos trazos como no humor. Por unha banda, a ilustración serve de acompañamento aos versos escenificando o que as palabras din e, pola outra, amplía o contexto creando universos nos que descubrir outras historias, facendo que agromen outros xogos e mesmo dando a posibilidade de imaxinar outras realidades, de crear novas historias.

Ademais, paréceme un libro que pode ser moi útil e versátil para as persoas que se dedican á mediación da lectura, tanto á hora de achegar a aprendizaxe dos números ou a descubrir a poesía entre as primeiras etapas da infancia, como á hora de fomentar a creatividade e a imaxinación neses primeiros anos, mais tamén entre a segunda infancia.

Un convite a xogar cos números e as palabras, coas ilustracións e coa imaxinación. Unha historia que se pode ler do dereito e do revés na que a diversión e a fantasía están aseguradas.

 

 Raquel Senra



GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.


 

NOVEMBRO 2023


 

Recomendamos O tempo dos lagartos de Carlos Negro    e   Raquel Senra. 



Cando a infancia se esvae coma un dente de león, a adolescencia aparece baixo a forma dun lagarto. É esta última unha época grimosa, estrondosa e punzante na que se intentan descifrar os subtítulos cos labios fechados, un novo Babel cheo de baldosas e de portas que se pechan. O tempo dos lagartos é un libro onde a poesía excede palabra e imaxe. De feito, camúflase ata nas lapelas. Nelas infórmasenos de que Carlos Negro cre que todos levamos dentro “un verso que agarda por saír”; Raquel Senra, pola súa banda, engade que cada persoa “é unha colaxe de vivencias”.

A voz de quen narra –porque, máis alá da carga lírica, esta poesía conta unha historia– é a dun pai que relata o que acontece na casa cando se instala nela a adolescencia do fillo. Enumérase aquilo que é novo, mais tamén aquilo que quedou atrás. O propio texto sinala que non é un exercicio de nostalxia, senón de “taxidermia”. Así, a través da palabra, o lector atópase de súpeto no medio dunha película cuxo argumento “tende ao melodrama” e cuxo léxico vai oscilando entre a guerra e a catástrofe: "Entrar no teu cuarto / supón internarse de golpe / nun cambio climático sen modelos de previsión", ou tamén: "O teu cuarto, / a nosa zona de exclusión (...) Ti agora es Chernóbil".

Porque é honesto e verdadeiro, porque traduce o que acontece na vida real ao idioma da beleza e dos afectos, porque é un eloxio da tenrura e unha pausa ante o silencio, porque integra doses de ironía e de humor, porque carece de engado, porque ensina a ler antes, durante e despois das escamas, porque propón unha lingua intermedia ao tempo que se propón como punto de sutura, este libro, simplemente, encantoume.

Tamara Andrés

________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

 

Este vídeo de Raquel Senra pon remate ás diferentes contribucións que GÁLIX procurou para ofrecer unha visión panorámica nas Xornadas GÁLIX. Desfacendo a Raia V. Un achegamento á situación do libro infantoxuvenil galego.

Raquel Senra Fernández é Vocal de tradución literaria da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI). Mantén a páxina Árbore Azul: axencia creativa, tradución, ilustración e animación á lectura.