O blog de GÁLIX

Amosando publicacións coa etiqueta Día Internacional do Libro Infantil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día Internacional do Libro Infantil. Amosar todas as publicacións

 

Un ano máis conmemoramos o nacemento de Hans Christian Andersen celebrando, o 2 de abril, o Día Internacional do Libro Infantil.


Por mor desta celebración a OEPLI, GÁLIX e as súas outras seccións animan a centros escolares, bibliotecas e librarías a realizar actos de fomento da lectura e participar na difusión da mensaxe e cartel que este ano se preparou dende a sección de Paises Baixos do IBBY, escrito por Rian Visser, ilustrado por Janneke Ipenburg e traducido ao galego por Mercedes Pacheco.

 

GÁLIX organiza sempre algunha actividade para festexar esta data. Nesta ocasión decidimos levar a ilustración infantil ás aulas hospitalarias.

 

Na aula hospitalaria de Santiago desenvolvimos unha actividade de ilustración a cargo de Blanca Millán baixo o título: “Eu tamén son un personaxe de conto".

Na aula hospitalaria de Vigo foi Anxo Fariña o encargado da realización do obradoiro de creatividade e ilustración.
Dende GÁLIX queremos agradecer a magnífica recepción das aulas hospitalarias a unha iniciativa que agardamos teña continuidade nos próximos anos grazas ao apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

 

O vindeiro 2 de abril conmemoraremos o nacemento de Hans Christian Andersen coa celebración do Día Internacional do Libro Infantil que promove o IBBY (International Board on Books for Young People) tal e como se leva facendo dende 1967.

A OEPLI e GÁLIX, xunto co resto das seccións da OEPLI, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte promoven a celebración deste día coa entrega do Premio Lazarillo en Pontevedra


Paises Baixos é, no 2025, a sección sobre a que recae a responsabilidade de elaborar a mensaxe e a imaxe que representa este evento a nivel mundial.
Rian Visser e a ilustradora Janneke Ipenburg foron as persoas encargadas nesta ocasión do cartel e a mensaxe, que, traducida a todas as linguas presentes na organización, difundiremos a nivel internacional. 

 

Linguaxe visual  


Podes debuxar algo

para as palabras,

para as cousas que digo?

Daquela, debuxa

un buraco no día

o frío,

o vento,

un nó na gorxa

ou a mala sorte,

debuxa unha tose,

un suspiro,

o aroma a pan fresco,

o tempo,

o instante,

o principio ou a fin

dun plan,

debuxa ese lugar onde algún día,

ese lugar onde nunca,

ese lugar onde despois

ocorrerá algo,

debuxa a dor dun empurrón,

o sabor do mar.

Gustaríame ver tantas

cousas,

o amor, por exemplo,

máis tarde,

algún día e quizais.

Fai debuxos

para o meu poema,

pero con liberdade:

estas palabras que saíron da miña boca

son para ti.


Rian Visser

Tradución: Mercedes Pacheco


Bibliotecas escolares e públicas, librarías e outras entidades adoitan celebrar esta data organizando exposicións, encontros con autores/as e ilustradores/as, presentacións de libros e actividades diversas de lectura.

Acceso aos materiais para que poidades descargalos e usalos.

 

Como homenaxe ao escritor danés Hans Christian Andersen, celébrase o 2 de abril, aniversario do seu nacemento, o Día Internacional do Libro Infantil. Esta efeméride promovida polo  IBBY, a nivel internacional, e polas seccións  que a integran, ten como obxectivo promover a lectura entre os máis pequenos e fomentar o amor pola lectura desde unha idade temperá.

Os libros non só son unha fonte de entretemento, senón tamén unha poderosa ferramenta para educar, inspirar e enriquecer a vida da xente nova. Ademais, a lectura fomenta a creatividade, a imaxinación e o pensamento crítico, habilidades fundamentais para o seu desenvolvemento cognitivo e emocional. 

 

O hábito da lectura fomenta a tolerancia e o entendemento entre diferentes culturas porque refire as experiencias e perspectivas de persoas de todo o mundo, o que permite ampliar a visión e desenvolver empatía cara a aqueles que son diferentes.

En días coma o de hoxe cómpre lembrar ás nenas e nenos palestinos en condicións de extrema violencia e sen acceso aos servizos básicos: alimentación, asistencia sanitaria ou educación. No libro "A arte da lectura en tempos de crise", Michèle Petit aborda a importancia da lectura en contextos de conflito ou desastres humanitarios, nel explora como a lectura pode ser unha ferramenta poderosa para a resiliencia que axuda a nenas e nenos a resistir o estrés e a ansiedade.



 

Como todos os anos dende 1967, o IBBY (International Board on Books for Young People) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril, conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen


Cada ano encoméndase a unha sección nacional a elección do tema do día do libro infantil. Esa sección, que no ano 2024 é Xapón,  convida a importantes profesionais da escrita e a ilustración do seu país a escribir unha mensaxe para a infancia do mundo e deseñar un cartaz que a represente. O cartel e a mensaxe, traducida a todas as linguas presentes na organización, difundirase a nivel internacional.

 A ilustradora Nana Furiya foi a encargada de elaborar o cartel deste ano 2024 en colaboración coa escritora Eiko Kadono, autora da mensaxe:  

Sobre as alas, os contos viaxan. Desexando sentir o latexo do teu corazón.

 Son o Conto Viaxeiro. Vou voando a calquera sitio.

Ás veces vou nas alas do vento. Outras, nas alas das ondas.

E outras nas aliñas dun gran de area.

Por suposto, tamén subo nas alas das aves migratorias.

E, de cando en vez, incluso nas dos avións.

Despois, sento ao teu carón, abro as miñas páxinas e cóntoche a historia que queiras.

Quizais unha historia fantástica?

Ou prefires unha historia triste? De medo?

Unha para rir ás gargalladas?

E se polo de agora non queres escoitar ningunha, non pasa nada.

Seguro que algunha vez terás ganas. Daquela, chámasme. Non tes máis que dicir:

«Conto Viaxeiro, ven aquí!», e irei voando ao teu lado.


Teño historias a moreas.

A historia dunha illa que, farta de estar soa e aburrida, aprendeu a nadar para facer amizades...

Ou a dunha misteriosa noite en que apareceron dúas lúas...

E aquela de cando Papá Noel se perdeu...


A ver? Si, si, seica estou oíndo latexar o teu corazón!

Bom, bom! Bum, bum! Pumba, pumba!

Iso é que o Conto Viaxeiro está dentro de ti e fai soar as campás do teu corazón.

Seguro que a próxima vez es ti o Conto Viaxeiro e desexarás ir de viaxe!

E deste xeito, no mundo nacerá un novo Conto Viaxeiro. 

 

A OEPLI e GÁLIX, xunto co resto das seccións da OEPLI, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte promoven a celebración deste día. 

Bibliotecas escolares e públicas, librarías e outras entidades adoitan celebrar esta data organizando exposicións, encontros con autores/as e ilustradores/as, presentacións de libros e actividades diversas de lectura.

Acceso aos materiais para que poidades descargalos e usalos. 




 

 

Como cada ano nesta data, o IBBY, e a súa sección no ámbito do galego que é GÁLIX (IBBY Galicia) celebra o Día Internacional do Libro Infantil difundindo a nivel mundial a mensaxe que unha das súas seccións -este ano 2023 Grecia- elaborou para todo o mundo.

Na mensaxe o ilustrador Photini Stephanidi pon imaxe ao poema de Vagelis Iliopoulos: "Son un libro, leme", que GÁLIX traduciu ao galego.

No taboleiro DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL (DILI) do pínterest de GÁLIX están tamén recollidas as mensaxes de anos anteriores: 

https://www.pinterest.es/galixbiblioteca/d%C3%ADa-internacional-do-libro-infantil-dili/

Como todos os anos dende 1967, o IBBY (International Board on Books for Young People) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril, conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen

Cada ano encoméndase a unha sección nacional a elección do tema do día do libro infantil. Esa Sección, que no ano 2023 é Grecia,  convida a importantes profesionais da escrita e a ilustración do seu país a escribir unha mensaxe para a infancia do mundo e deseñar un cartaz que a represente. O cartel e a mensaxe, traducida a todas as linguas presentes na organización, difundirase a nivel internacional.

Photini Stephanidi foi o encargado de elaborar o cartel deste ano 2023 en colaboración co escritor Yagalis Iliopoulos, autor da mensaxe en formato poema: Son un libro, leme.

 

Son un libro, leme.

 Eu son un libro.

Ti es un libro.

Todos somos libros.

A historia que conto é a miña alma

e cada libro ten a súa propia.

Se cadra non nos parecemos en nada

hainos grandes, hainos pequenos,

hainos coloridos, outros en branco e negro,

hainos moi finos e outros moi grosos.

As nosas historias serán diferentes ou semellantes:

velaquí a nosa beleza.

Que aburrido se todos fósemos iguais!

Cada un de nós é único.

E merece ser respectado,

ser lido sen prexuízos,

ter o seu espazo, o seu andel.

Pode que constrúas unha opinión sobre min.

Pode que elixas cuestionar ou comentar o que les.

Pode que me devolvas á biblioteca,

ou talvez queiras terme preto na túa viaxe.

Pero xamais permitas que me tiren

nin que me manden cambiar de andel.

Non pidas nunca que me destrúan, nin deixes que outros o fagan.

E se un libro vai onda ti desde outro andel,

porque alguén ou algo o empurrase a iso,

faille un oco.

Ao teu lado, cabe.

Trata de sentir como se sente.

Compréndeo. Protéxeo.

Quizais esteas mañá na súa situación.

Pois ti tamén es un libro.

Todos somos libros


Veña, dío moi alto para que se oia ben:


"Son un libro, leme"

Vagelis Iliopoulos. Tradución ao galego Mercedes Pacheco

 



A OEPLI e GÁLIX, xunto co resto das seccións da OEPLI, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte promoven a celebración deste día. 

Bibliotecas escolares e públicas, librarías e outras entidades adoitan celebrar esta data organizando exposicións, encontros con autores/as e ilustradores/as, presentacións de libros e actividades diversas de lectura.

 

Acceso aos materiais para que poidades descargalos e usalos.