A XANELA DE GÁLIX. Antonio Seijas

Publicado por GÁLIX | 15.7.25 Deixa un comentario

 

Antonio Seijas, historiador da arte, pintor, ilustrador, autor de banda deseñada, poeta galego.

Socio número 338 e vicepresidente de GÁLIX durante varios anos.

Ilustrador para revistas e xornais, realizou portadas de libros, capas e libretos de discos, logos como os da Fundación de David Lynch e ilustracións para series.

No ano 2012 a súa adaptación do libro "Cartas de Inverno” de Agustín Fernández Paz, mereceu o Premio Isaac Díaz Pardo ao Mellor Libro Ilustrado concedido pola Asociación Galega de Editores.

No 2019 publicou a súa primeira novela xuvenil “O Soño da Serpe” en Galaxia editorial.

En 2020 gañou o premio á mellor novela gráfica, coa obra A Chaira.

Como ilustrador de literatura infantil e xuvenil colaborou con diversas autoras e autores para varias editoriais.

 

  ACCESO AO CUESTIONARIO EN PDF 


    Apoiar a GALIX é un xeito valioso de arroupar a LIX galega.

  1. Ti es o socio número 338. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?

Como parte activa da LIX galega, tanto como autor como lector, non entendería non facelo. Apoiar a GALIX é un xeito valioso de arroupar a LIX galega.

  1. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?

Desde pequeno fun lector en xeral de todo, pero a partir de comezar a ilustrar capas e libros de LIX a inmersión xa foi maior porque a visión xa empeza a ser tamén desde dentro.

  1. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?

Moitos, non podería quedarme con un título en concreto porque lía de todo. Pero non houbo un especial que marcara nada. Podo lembrar, por exemplo, algún título concreto como El día en que el mar se retiró de Mickey Spillane, ou a colección completa de Xulio Verne de Orbis, as coleccións de Cousteau, libros de Agatha Christie da niña nai, os Librojuegos de Altea Junior, e moitos libros de xeoloxía, de antropoloxía, de astronomía, esoterismo, arqueoloxía, de insectos, de animais, de minerais, e natureza en xeral... Algún recomendado na clase como Un agujero en la alambrada de François Sautereau, Os escaravellos voan a tardiña de María Gripe, La isla al mediodía e Las armas secretas de Cortázar, El camino de Delibes. Son os primeiros que me veñen á cabeza da niña infancia e ata os catorce ou quince anos.

  1. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?

Persoalmente considero relevantes Cartas de Inverno e Cando petan na porta pola noite, por todo o que significaron e significan, e polos seus autores, Agustín Fernández Paz e Xabier P. Docampo. Imprescindible, en xeral, creo que non hai nada.

 

A perda de falantes en galego entre a xuventude supoño que vai directamente relacionada tamén co número de lectores.

  1. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?

Nunca me sentín identificado con ningún, xa bastante custa identificarse cun mesmo.

  1. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?

Por coherencia debería ilustralos eu mesmo porque son quen os sinte e vive de primeira man. Pero de ter que escoller a outra persoa, pola súa calidade e xenialidade escollería sen dúbida ao gran Xan López Domínguez, moi querido e admirado por min.

En xeral a LIX merecería máis respecto, máis coñecemento e recoñecemento. Moito máis.

  1. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.

A debilidade podería ser o número de lectores mozos. A perda de falantes en galego entre a xuventude supoño que vai directamente relacionada tamén co número de lectores. A fortaleza seguramente a calidade que hai en moitas obras, que é moi grande. Pero non son ninguén para dar unha resposta moi axeitada a esta pregunta, vai máis alá dos meus coñecementos, é tan só un pensamento sen indicio de certeza.

  1. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución

Creo que a difusión que se acada en redes sitúa a LIX en xeral nun escaparate que antes non tiña. O que é positivo a pesares das contrapartidas: egos (ter unha conta en redes sociais non implica que sexas un autor bo, interesante, nin te converte en importante), temáticas por modas sociais ou virais, etc. Quero dicir, o importante é a obra, a súa calidade, profundidade, transcendencia... non as pantomimas que se forman arredor dela, incluíndo aos “que van de”, likes e aparencias.

  1. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?

En xeral a LIX merecería máis respecto, máis coñecemento e recoñecemento. Moito máis. Polo que sei, non hai autor de LIX ao que non lle preguntasen nalgún momento: «E para cando un libro ou unha novela para adultos?» iso creo que o resume todo.

  1. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.

En xeral, penso que se edita e publica demasiado. E seguramente non todo vale. Publicar menos, máis escollido, implicaría un rango de calidade maior. Un mellor produto imaxino que sería máis doado de «vender» dentro, e fóra. Calidade hai moita, pero moitas veces vese anubrada entre outro moito material non tan bo. Quizais centrar máis o tiro axudaría, pero tampouco coñezo o asunto ao nivel fondo que pode ter un editor, por exemplo. Non estou capacitado para dar mellor resposta.


 

Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]