Guía GÁLIX: Para a inclusión

Publicado por GÁLIX | 12.6.23 Deixa un comentario

 Para a inclusión é unha guía elaborada por GÁLIX

e publicada coa axuda da Xunta de Galicia.

O documento estará accesible e descargable neste blog e no Pínterest da asociación, para que as persoas que exercen o labor de mediación lectora: familias, persoal de bibliotecas e profesorado dos centros educativos, teñan mellor acceso a materiais e recursos en galego.

Este proxecto é froito do o esforzo dun grupo de traballo de GÁLIX por dar a coñecer materiais e recursos que se presentan na nosa lingua pois esta tamén é unha boa maneira de normalizar o seu uso en todo tipo de condicións.


A obra está estruturada seguindo estes epígrafes:


  • Audiolibros

Textos en formato audio que permiten o acceso á lectura ás persoas con dificultades visuais, físicas, on problemas relacionados coa aprendizaxe ou a aqueles e aquelas que non dominan a técnica.

  • Libros con pictogramas:

Obras con debuxos, iconos que representan unha palabra ou unha idea e que facilitan á lectura ás persoas que teñen dificultades para comunicarse.

  • Libros de lectura fácil

Unha metodoloxía pensada para facer máis comprensibles os textos, eliminando barreiras e producindo unha accesibilidade maior, cun sistema de adaptación construído sobre os coñecementos da psicoloxía cognitiva e as correntes lingüísticas e que segue certas pautas básicas aceptadas internacionalmente.

Son obras dirixidas, especialmente, ás persoas que teñen dificultades lectoras tanto transitorias (inmigración, incorporación tardía á lectura, escolarización deficiente...) como máis duradeiras (trastornos da aprendizaxe, diversidade funcional...), causadas por cuestións neurolóxicas ou socioculturais.

  • Libros en Braille

Son textos escritos nun alfabeto, co que se representan letras, signos de puntuación, números, grafía científica, símbolos matemáticos, música, etc. que facilita a lectura para persoas con cegueira ou deficiencia visual.

  • Libros sen texto

Os chamados libros silentes ou silandeiros poden ser lidos en calquera lingua, por iso IBBY Italia puxo en marcha a creación da Biblioteca de Lampedusa,

constituída por ese tipo de obras deste tipo, coa intención de axudar na inserción da infancia en desamparo procedente do exilio.

Estes libros facilitan a comprensión para calquera persoa que non domine o código lingüístico. O idioma de referencia vén determiñado polo título ou e algún outro paratexto.

  • Abecedarios, dicionarios visuais, libros duros, troquelados, con textura, álbums ilustrados.

Este epígrafe recolle determinados libros, e especialmente coleccións, que. partindo das primeirísimas idades, son lecturas aptas para todas as idades e todas as competencias e que, xa que logo, debemos ter a man para que cada persoa lectora atope o seu libro.

  • Xogos e xoguetes

Apartado no que se ofrece un listado de libros-xogo, xoguetes e xogos (de mesa, de linguaxe, de construcións, de lóxica...) co que intentamos dar a coñecer o que o mercado ofrece en galego para aqueles e aquelas con diferentes graos de competencia e desenvolvemento, sen esquecer aqueles libros con texturas, ruídos, arrecendos.

  • Libros sobre desigualdade e diversidade.

Inclúense nesta etiqueta os libros onde se recollen situacións que evidencian as dificultades relacionadas coa diversidade funcional (enfermidades ou diferentes situacións de saúde, desigualdades de orixe ou adquiridas...), pero tamén aquelas causadas pola situación económica ou social.

 


DESCARGA



Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]