Este libro encantoume! Xullo 2025

Publicado por GÁLIX | 7.7.25 Deixa un comentario

 


XULLO
2025

Recomendamos Quería contarche o que é unha casa de María do Cebreiro

 

 

 

Libro de artistas. A creación xorde da poeta, María do Cebreiro, e o artista plástico, Antón Lamazares. É a primeira vez que ambolosdous publican algo relacionado coa infancia. Fano nesta colección de obras de culto no que xa anteriormente teñen participado poetas e artistas.

Un libro que é deseño, fotografía, pintura, obxecto... e o verso sempre de fondo e centro do universo, a poesía tentando contarlle algo á criatura, algo tan fundamental como o que é unha casa, o fogar... ou é que o bebé, a bebé xa o sabe?

Relátase a evolución. Como parte da natureza, da profundidade da creación, da fonte da vida, de máis alá do que se ve porque chega ao corpo da nai (ese niño do que foi peixe) para ser os dous xuntos todo e máis. Tempo despois, a súa casa é o seu corpo, o propio. Agora, que anda a rentes do chan pode ser moitas cousas, ata un caracol coa casa a costas coa baba (ronsel de prata), unha casa que se move como todo o que a crianza toca. Que pasará nun futuro? a nai xa ten a resposta!

Neste proceso ao redor da maternidade, ela celebra o nacemento da súa crianza e el documenta a perda da nai, que contaba máis de cen anos.

O pintor xoga coa súa casa, as cores e os obxectos, traballa co seu mundo: o que comparte coa infancia dende sempre. 

Definida como conceptual e abstracta, a obra dálle unha volta á arte dirixida ao lectorado infantil.

Un libro para ler e mirar, para remirar moitas veces; unha obra que permanecerá ao longo do tempo.


Pilar Sampedro



GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

 

Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]