No aniversario do seu nacemento, GÁLIX convoca o Primeiro Premio ao Libro Informativo para a rapazada

Publicado por GÁLIX | 15.1.25 Deixa un comentario

 

Este 14 de xaneiro, no que se cumpren os 36 anos do seu nacemento, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), que ten como unha das súas funcións a defensa e promoción da cultura e lingua galegas a través do libro infantil e xuvenil, convoca o Primeiro Premio ao Libro Informativo para a rapazada coa intención de fomentar a curiosidade pola lectura e a divulgación da ciencia na lingua propia.


 Cremos que é importante facilitar o acceso a obras informativas de calidade que fomenten actitudes positivas cara a ciencia e, se fose o caso, esperten vocacións temperás.

Agardamos que este certame sirva para estimular a creación de obras que fomenten o pensamento crítico e sexan vehículo de transmisión de coñecementos relacionados coas diferentes áreas científicas dun xeito lúdico, rigoroso e adaptado ao público ao que vai dirixido.

Consideramos que é importante espertar o interese da rapazada polas diferentes áreas do coñecemento científico.

Ademais, os libros de divulgación científica son un recurso valioso para o traballo nas aulas e unha marabillosa ferramenta que sirva de estímulo á lectura en galego.

GÁLIX  quere agradecer tamén o labor do grupo de traballo formado por Luisa Martínez LorenzoPilar Sampedro  e Miguel A. Alonso Diz  que elaborou estas bases e posibilitou a posta en marcha deste certame.

ACCESO ÁS BASES DO CONCURSO

Con esta convocatoria damos cumprimento ao acordo asinado coa extinta Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura (AGABEL) que financia esta primeira edición. Para todas as persoas que formaban parte dela o noso recoñecemento e agradecemento.


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]