Este libro encantoume! Xuño 2023

Publicado por GÁLIX | 1.6.23 Deixa un comentario

 

MAIO 2023



Recomendamos O marabilloso mundo das profesións de

Elena Pokaleva traducido por  María Reimóndez.


Escoller una profesión. Queres saber que podes ser de maior?

Escoller una profesión semella ser una das preguntas máis comúns entre a rapazada e unha das máis curiosas cando se analizan as respostas.

O marabilloso mundo das profesións comeza cunha interesante introdución que formula algunhas cuestión básicas ás que responde con lóxica: “Todas as profesións contribúen á sociedade e todas as persoas temos un papel á hora de levar ledicia ás demais”. Cada capítulo repasa con curiosidade temáticas tan variadas e actuais como a programación, a construción dun robot, a condución dunha locomotora, o deseño ou a mecánica.

Acompañados de simpáticas ilustracións con personaxes en acción, os diferentes oficios son presentados a partir dunha breve descrición, a modo de dicionario infantil, que define con precisión cal é o traballo que se está a desenvolver e cales poden ser as diferentes funcións que a persoa realice a partir da súa formación. A oferta está recollida nun práctico índice final que axuda a imaxinar cantas cousas podemos chegar a ser.

Dende a experta forense que contribúe a resolver un crime, ata a especialista en enerxías renovables, pasando pola tradutora, a restauradora, a escenógrafa, a xoieira, a xastra, a mánager musical, a técnica de son, a presentadora, a silvicultora, a bombeira, a labrega, a gandeira ou a maga.

Vistas dende una perspectiva de xénero, as profesións que hoxe en día moven o mundo como traballar con ordenadores, manipular máquinas, explorar a Terra ou o mesmo o espazo que vai máis alá das estrelas, son tarefas que permiten identificar, cuestionar e valorar a discriminación, a desigualdade ou a exclusión das mulleres. Así, como din as autoras, “lembra que non hai traballos de homes nin de mulleres e que tamén hai persoas que non se definen como ningunha das dúas cousas”.

Este libro gustoume por todas esas razóns e porque amosa que é posible cumprir os soños.


Ana Luna Alonso


___________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.




Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]