NOVEMBRO 2023
Recomendamos O tempo dos lagartos de Carlos Negro e Raquel Senra.
Cando a infancia se esvae coma un dente de león, a adolescencia aparece baixo a forma dun lagarto. É esta última unha época grimosa, estrondosa e punzante na que se intentan descifrar os subtítulos cos labios fechados, un novo Babel cheo de baldosas e de portas que se pechan. O tempo dos lagartos é un libro onde a poesía excede palabra e imaxe. De feito, camúflase ata nas lapelas. Nelas infórmasenos de que Carlos Negro cre que todos levamos dentro “un verso que agarda por saír”; Raquel Senra, pola súa banda, engade que cada persoa “é unha colaxe de vivencias”.
A voz de quen narra –porque, máis alá da carga lírica, esta poesía conta unha historia– é a dun pai que relata o que acontece na casa cando se instala nela a adolescencia do fillo. Enumérase aquilo que é novo, mais tamén aquilo que quedou atrás. O propio texto sinala que non é un exercicio de nostalxia, senón de “taxidermia”. Así, a través da palabra, o lector atópase de súpeto no medio dunha película cuxo argumento “tende ao melodrama” e cuxo léxico vai oscilando entre a guerra e a catástrofe: "Entrar no teu cuarto / supón internarse de golpe / nun cambio climático sen modelos de previsión", ou tamén: "O teu cuarto, / a nosa zona de exclusión (...) Ti agora es Chernóbil".
Porque é honesto e verdadeiro, porque traduce o que acontece na vida real ao idioma da beleza e dos afectos, porque é un eloxio da tenrura e unha pausa ante o silencio, porque integra doses de ironía e de humor, porque carece de engado, porque ensina a ler antes, durante e despois das escamas, porque propón unha lingua intermedia ao tempo que se propón como punto de sutura, este libro, simplemente, encantoume.
Tamara Andrés
________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]