A XANELA DE GÁLIX. Libraría Couceiro

Publicado por GÁLIX | 15.11.23 Deixa un comentario

 


 A Libraria Couceiro, socia nº 207, de GÁLIX,  inaugurouse no 1969 na Rúa de San Pedro (Santiago). Nun primeiro momento traballou con libro de texto e algo de papelería pero logo dun cambio de ubicación para a zona nova, pasou a especializarse en libro galego.

Desde o 2007 estamos nun edificio de cinco andares na Praza de Cervantes. Aquí a nosa especialización segue a ser o libro galego pero temos xa máis espazo para outras temáticas.

O soto está adicado enteiramente a libro infantil e xuvenil, a planta baixa a libro en castelán, o primeiro andar a libro galego, o segundo a libro antigo e o terceiro a ocio e máis a libro de segunda man, xunto cun pequeno obradoiro de encadernación.

Ao longo de todo o ano, o segundo andar utilízase tamén para presentacións, charlas ou calquera outro tipo de actividade cultural.

E ademais recibimos visitas de centros escolares nas que se lles explica un pouco a historia do libro e mesmo a encadernación artesanal.


María responde ás preguntas do noso Cuestionario Lamote en nome da libraría:


  1. A libraría Couceiro ten o número 207 como socia. Por que razón se asociou a GALIX e continúa apoiando este proxecto?

    Asociámonos a GALIX porque é un proxecto moi do noso gusto, posto que promove e da visibilidade ás publicacións en lingua galega (algo que vai tamén no ADN da libraria), e sobre todo ás publicacións infantís, que son as que van dando forma aos futuros lectores adultos.

  1. Cal é a relación da libraría co libro infantil e xuvenil?

    Temos un dos nosos andares adicados a libro infantil e xuvenil precisamente porque consideramos que aos lectores hai que ilos "facendo" desde cativos,así que procuramos coidar esa parte.

  2. A respecto do libro infantil e xuvenil galego, indique moi brevemente que agarda...

    1. das institucións?

    2. das persoas mediadoras?

    3. das librarías?

    4. das feiras (galegas, estatais e internacionais)?

    5. das persoas creadoras?

    6. do Salón do Libro?

    7. do Culturgal?

    8. ...?

    Pensamos que cada quen ten o seu papel no mundo do libro e que uns non poden meterse no sitio dos outros; cada quen debe facer o seu. As feiras varias (sexan feiras, Culturgal, Salón do libro...) deben darlle visibilidade, porque a día de hoxe, con tantas publicacións, sempre hai algunhas que se nos pasan e para iso están eses espazos que poden abranguer moita máis capacidade e variedade cas librarías.

    As editoras son as que deben buscar esas publicacións para saír á rúa, e nós, consideramos que non deberían poder vender directamente,saltándose ás librarías, que son as que están en contacto directo co público.

    E as institucións deben promover e apoiar calquera actividade que vaia en beneficio de todos os grupos que conforman a literatura infantil e xuvenil, desde os e as autoras e ilustradoras até os nenos e mozos aos que chegan as publicacións.

  3. Que concepto ten das feiras do libro en relación co Libro Infantil e Xuvenil?

    Normalmente case todas as librarías acostuman a ter un espazo nas feiras adicado á literatura infantil, pero igual terían que darlle máis visibilidade.

  1. Describa a situación da ilustración galega no eido da LIXG.

Nos últimos anos foron saíndo máis ilustradores e ilustradoras así que pouco a pouco pensamos que van collendo pulo, porque é certo que a meirande parte das publicacións que había para pequenos ata hai relativamente pouco eran traducións.

  1. Como considera o papel das persoas que traballan nos procesos de tradución do Libro Infantil e Xuvenil?

    Pensamos que o seu papel é o mesmo que o das traducións para adultos, pero co engadido de que os pequenos están aprendendo, así que hai que ter un chisco máis de coidado porque un adulto pode pasar un erro por alto, sabendo que é un erro, pero os cativos poden dalo como válido.

  2. Cal é a opinión, como empresa, sobre a situación do libro infantil e xuvenil galego na actualidade?

Actualmente pensamos que está nun momento bo porque ademais das editoras galegas hai varias editoras de fora que están apostando por publicar libros tamén en galego o cal demostra que é interesante e rendible facelo.

Ao mesmo tempo é certo que tamén se están as facer publicacións autoeditadas e mesmo de editoras moi pequeniñas que só manexan un número ínfimo de títulos.

  1. Sinale a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.

A maior fortaleza é a calidade dos nosos autores e precisamente a debilidade igual é a falta de máis ilustradores infantís.

Seguramente habería que darlle tamén unha volta á parte exterior, porque se a todos nos entran as cousas polos ollos..aos cativos máis e ás veces falla esa parte.

ACCESO AO PDF











 


 



Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]