Manuel Figueiras: Socio de Honra de GÁLIX 2025. Sábado 18 de outubro, no CSC O Ensanche en Santiago de Compostela

Publicado por GÁLIX | 13.10.25 Deixa un comentario

 

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) ten previsto homenaxear a Manuel Figueiras, un dos socios máis veteranos, en recoñecemento ao seu inxente e discreto labor a prol da LIX galega e a súa dedicación desinteresada nesta asociación.

 Formou parte da Directiva de GÁLIX, como Vicepresidente 2º no período 1996-98. Entre 1998 e 1999 foi parte da Directiva colexiada. No período 2005-07 ocupou o cargo de Vicepresidente 1º e foi o presidente de GÁLIX entre 2008 e 2010.  



O seu labor como profesor de galego, dinamizador de iniciativas culturais e promotor da LIXG (Literatura Infantil e Xuvenil Galega) é especialmente relevante.

 

 

 


Presidente da Asociación Filix, organizadora da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Chantada (1994–1997), que se converteu nun referente internacional da literatura infantil, con participación de editoriais de diversos países. Nesta feira entregábase o Premio Rañolas, en 1994 e 1995 a Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo, Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz; en 1996, O trasno de Alqueidón de Marilar Aleixandre e o premio de ilustración a Manuel Uhía por Lolo anda en bicicleta; en 1997 Cidades de Fran Alonso e o premio de ilustración a Xan López Domínguez por Sete casas, sete bruxas e un ovo.

Manuel Figueiras é o creador e mantedor da páxina BLIX
(Biblioteca do Libro Infantil e Xuvenil Galego), un completísimo catálogo-repositorio da produción infanto-xuvenil galega que foi un recurso imprescindible para docentes e mediadores mentres estivo activa. Esta páxina obtivo o Premio Irmandade do Libro 2003 da Federación de Libreiros de Galicia, na modalidade de medios de comunicación.

Cómpre valorar tamén o seu valor como tradutor para achegar obras de calidade ao idioma galego

O acto, como se indica no convite, celebrarase este sábado, 18 de outubro ás 12:00, no Salón de Actos do CSC O Ensanche en Santiago de Compostela.

Animádevos a acompañarnos!

 

Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]