XOAN BABARRO
NOTA AUTOBIOGRÁFICA
Sábese que nacín no lugar de Calvelo (parroquia de Zorelle e concello de Maceda) en 1947, que estudei Maxisterio e Filosofía e Letras, que fun mestre de Primaria e catedrático de Lingua e Literatura Galega de ensino medio, que fixen a tese de doutoramento sobre o galegoasturiano, que entrei oficialmente na literatura infantil co conto Zoca zoqueira (primeiro premio no Concurso “O Facho” de 1974), que colaborei na revista Vagalume, que dirixín a colección “O Trolebús” da Editorial Casals etc. Pero neste apuntamento quero ter un pequeno recordo para as vivencias literarias da infancia.
![]() |
Fotografía de Ricardo Couselo |
Aprendín a ler na escola unitaria mixta que tiñamos en Calvelo. Alí accedín a textos de autores en castelán (Tomás Allende, Germán Berdiales, Juana de Ibarbourou, Alfredo Marqueríe, Rafel Morales, Amado Nervo...) e tamén ás impactantes narracións bíblicas (Sansón, Goliat, Xosé, Moisés, a súa vara máxica...), coma en moitos centros da época. Pero, a maiores, no medio rural contabamos daquela cunha escola paralela, a da cultura tradicional, onde ocupaba un lugar salientable o fenómeno literario (contos, lendas, adiviñas, cántigas, recitativos...). Estes textos, a miúdo de carácter iniciático, ofrecían unha temática moi variada:
- Enredos para tomarmos conciencia do corpo durante a primeira infancia:
Unhas brancas e outras negras / e outras monas das orellas.
- Trabalinguas e recitativos para articular sen tomar alento:
Non hai home nesta terra / que catro veces o diga.
- Letras asociadas a xogos:
- Arremedos de animais:
Deixa algún / pró San Pernil, / que o traio atado / por un cuadril!
- Fábulas:
En mentes andabas no vrao de amieiro en amieiro “chirlo-merlo,
chirlo-merlo!”,
buscaras pan pró inverno [díxolle a formiga á merla].
- Climatolóxicos:
heichas de pór todas en chambaril [díxolle Marzo ao pastor que non lle cumprira co prometido].
- “Reises”:
- Mnemotécnicas:
Lázaro, Ramos, / que en Pascua che estamos [sete semanas da Coresma].
- Enigmáticas oracións:
cantan galos, abren luces, / todos os santiños levan cruces.
- Ensalmos:
cun carriño de toxos / heiche queimar os ósos.
- Réplicas:
Pró teu burro non hai mellor herba.
- E incluso esconxuros cun impreciso valor esotérico:
que te espera teu irmao / cunha pela de manteiga.
E empezaron a correr detrás dil os
cas de Calvelo... e os de Vilarellos... e os de Zorelle... e librouse por unha
uña negra de que o engrampasen. E, cando se viu libre, dixo o raposo: “Ai, meus
peciños pezás, se non forades vós, comíanme os cas. E o rabín rabás..., a tirar
pra tras!”
Algunhas narracións, en particular as lendas, recreábanse en lugares concretos. Así, a da nena que descubrira o segredo confiado pola moura ía asociada ás prehistóricas casas dos mouros de Sancristovo, localidade natal da miña avoa materna:
–Mariquiña...! Mariquiña...!
–Nin Mariquiña nin Mariqueira,
que a Mariquiña está fervendo na caldeira!
Tamén podiamos unir estes pasatempos con determinadas persoas. Recordo aprender o conto das mil mentiras no Soto, na cociña da miña familia paterna, de boca do Nicanor do Carreiro da Fonte, un excelente contador:
Agora vouche contar / o conto das mil mentiras. / Polo mar andan as lebres / e polo monte as anguilas, / polos labrados os peixes / e polo mar as cotorlías. / Polo camiño de Allariz, / por onde os soldados van / encontrei un cabalo morto / por riba dun capitán. / A espuela tíñaa no peito, / a espada no calcañar, / e fun onda unha tendeira / que me fixese o xantar. / A tendeira iba na arada, / a vaca faguía o xantar, / a cadela varría a cociña / e a escoba iba lavar.
Aquelas vivencias dos primeiros anos, as relacións familiares e veciñais e o espazos paisaxísticos que me arrouparon durante infancia penso que marcaron dalgún xeito a miña obra literaria.
![]() |
ACCESO |
0 comentarios:
[Comentario blog]