O xurado do Premio Arume de Poesía Infantil, composto por Xosé Antonio Perozo, Presidente de GALIX, Rosalía Morlán, Secretaria da Fundación Neira Vilas, María Xesús Fernández, Manuel Figueiras e Pilar Sampedro decidiu outorgar o Premio Arume de Poesía Infantil 2020 a dous poemarios que serán publicados pola editorial Embora e que comparten unha mesma arela provocativa, arriscada e de notable creatividade.
Plarapluie, de Ramón D. Veiga, un libro divertido e provocador no que se busca a risa pola extravagancia e a complicidade cos pequenos lectores e lectoras. Unha linguaxe áxil e de calidade, na que os recursos poéticos están moi ben empregados a sonoridade envolve os versos.
A flor da letra de Manuel López Rodríguez, que constitúe unha singular homenaxe á poesía establecendo un diálogo con poetas relevantes da nosa literatura. O ritmo introdúcenos nunha proposta unitaria, cunha rica linguaxe conceptual e variados recursos que nos conducen á oralidade e participación coral.
A Fundación Xosé Neira Vilas e GÁLIX, suman esforzos para manter vivo o certame literario creado hai vinte ano por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil.
O premio conta co patrocinio de Deleite, unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso coa calidade do seu produto, mais tamén coa lingua e coa cultura.
0 comentarios:
[Comentario blog]