Este libro encantoume! (xullo 2021)

Publicado por GÁLIX | 1.7.21 Deixa un comentario

XULLO 2021

Recomendamos:
Dormente de Raquel Castro

 

 

 

    Dormente é unha revisión do conto tradicional da Bela durmida dende unha perspectiva de xénero, sometendo a crítica o estereotipo da muller que adoita aparecer nos contos de príncipes e princesas, xa que a princesa Dormente non quere casar, nin quere ser salvada por un fermoso príncipe.

Tendo en conta isto que acabo de mencionar a peza xa me atrapa porque me encantan eses xogos narrativos nos que se fai unha nova lectura dos clásicos dende unha visión actual.

Pero é que ademais, Raquel Castro fai unha proposta escénica do máis divertido e chea de dinamismo, cuns diálogos intelixentes e uns personaxes entrañables como a vella que é xorda ou se cadra non; a bruxa que quere ser mala malísima pero non o consegue; o fillo que se lle revira porque quere facer maxia da boa; o rei e a raíña sempre a rifar, o mesmo que os detectives, Xerlo e Amara; Toniño e Branca namorados da mesma persoa…

É para escachar de risa, a brincadeira dos cambios de escena, das accións simultáneas e da invitación ao público a participar que pon de manifesto a longa experiencia teatral da autora.

Ánxela Doval Méndez

 

______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.




Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]