CELIA DÍAZ NÚÑEZ
Socia nº 276 de GÁLIX
Naceu en 1961 nas Eiras, no concello lugués do Páramo. Trasladouse despois a Quiroga e reside actualmente en Ourense.Estudou o bacharelato en Monforte no instituto que hoxe leva o nome de Río Cabe.
É licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e en Filoloxía Hispánica pola USC, diplomada en Maxisterio pola Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo, e diplomada en Estudos Avanzados en Teoría da Literatura pola Universidade de Vigo.
Exerceu
como Profesora de Lingua galega e literatura no IES As Lagoas de
Ourense. Foi tamén Profesora Asociada da Universidade de Vigo no
departamento de Didáctica da Lingua e Literatura Galega na Facultade
de Ciencias de Educación de Ourense, así como do Máster de
Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos
na mesma Facultade.
É tamén autora de libros de textos e materiais didácticos para o estudo da lingua galega de 1º a 4º de ESO (Edit. Anaya).
O 17 maio 2018 foi nomeada “Filla adoptiva de Quiroga”, por acordo unánime da Corporación Municipal de Quiroga.
Considero moi importante participar nunha asociación que contribúe á promoción da LIX e resulta un punto de encontro e de achegas colectivas.
Ti es a socia número 276. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?
Asocieime a partir da publicación dos meus primeiros libros. Considero moi importante participar nunha asociación que contribúe á promoción da LIX e resulta un punto de encontro e de achegas colectivas.
Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?
Foron, en primeiro lugar, as miñas fillas, as dúas grandes lectoras, o que nos convertía en visitantes asiduas da sección infantil da biblioteca pública de Ourense e das librarías. Os meus primeiros textos escribinos para elas. Despois gañei dous premios literarios (de narrativa e teatro) e supuxeron un grande estímulo para continuar na creación literaria en ambos xéneros. E tamén contribuíu a miña condición de profesora de lingua e literatura galega en secundaria e a necesidade de coñecer obras que resultasen interesantes para o alumnado.
Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?
Na miña infancia non tiña acceso a moitos libros polo que lía todo o que caía nas miñas mans, desde os cómics de Capitán Trueno e Mortadelo aos poucos contos que podía comprar e compartía coas amigas. O primeiro libro que merquei foi Heidi, xa co propósito de ir creando a miña biblioteca persoal. Na adolescencia puiden acceder á magnífica biblioteca que había no instituto e que me permitiu ler obras de temáticas e xéneros diversos, sobre todo de narrativa e teatro. Foi nesa época cando lin o libro do que gardo unha lembranza especial: un vello exemplar de As mil e unha noites, en edición de Saturnino Calleja, que me prestaran. Lembro a fascinación que me producían as historias e os fermosos gravados. Hai uns anos conseguín por fin facerme cun exemplar nunha libraría de vello. Ou tamén podería citar Ana Karenina, que me acompañaba nas viaxes en tren e nas prácticas de mecanografía, con gran escándalo do profesor, que non o consideraba adecuado para unha rapaza de quince anos.
Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?
Hai moitos libros imprescindibles. Por citar só un de cada xénero, quedaríame con tres obras inaugurais: Memorias dun neno labrego en narrativa, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas en teatro e Os soños na gaiola en poesía.
Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificada?
O meu encontro coa LIX galega sucedeu xa na idade adulta. Entre os primeiros personaxes en chegar a min, sen dúbida o Balbino de Neira Vilas, e en formato cómic, O Gaspariño de Xaquín Marín. Entre as obras máis recentes, moitas protagonistas femininas de Ledicia Costas, Andrea Barreira, Emma Pedreira etc.
A debilidade maior é a escasa visibilidade e a falta de promoción que permita consolidar un lectorado independente das propostas escolares. A normalización da lingua vai parella á da literatura en galego e as dúas apóianse mutuamente, nestes eidos queda moito camiño por percorrer.
A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?
É moi difícil escoller un porque hai moitas e moitos profesionais de grande calidade. Cito aos que xa ilustraron os meus libros (Marina Seoane, Xulia Barros, Luís Sendón, Kristina Sabaitez...) e sería un pracer descubrir como interpretan os meus soños futuros outros e outras que sigo e admiro.
Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
A maior fortaleza é a ampla variedade de voces e de temáticas en todos os xéneros e tamén o recoñecemento da súa calidade mediante premios literarios, presenza en listas internacionais, etc.
A debilidade maior é a escasa visibilidade e a falta de promoción que permita consolidar un lectorado independente das propostas escolares. A normalización da lingua vai parella á da literatura en galego e as dúas apóianse mutuamente, nestes eidos queda moito camiño por percorrer.
Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
A aparición de novos formatos e soportes de lectura, a maior presenza do teatro nos catálogos das editoriais, o aumento das traducións, a proxección e recoñecemento exterior dos e das autoras e ilustradoras, o interese da crítica por unha literatura que ata non hai moito se consideraba menor, o desenvolvemento dos clubs de lectura nos centros de ensino como instrumento de animación á lectura.
Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
A LIX cada vez é moito máis coñecida e valorada, pero de maneira desigual. Hai un sector moi implicado: librarías, bibliotecas públicas e escolares, profesorado... Noutros ámbitos o coñecemento e o interese é moito menor.
Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.
É moi importante o labor de mediación das bibliotecas públicas e das librarías, mediante actividades de animación á lectura. Creo imprescindible a formación do profesorado de educación infantil, primaria e secundaria para que poidan realizar o seu labor de prescritores e mediadores tanto na aula como nos clubs de lectura ou noutras actividades de animación á lectura. Cómpre unha adecuada formación para que teñan os coñecementos necesarios para seleccionar boas obras e para empregar estratexias que acheguen ao alumnado o pracer de ler e o coñecemento deses libros, proporcionando tamén unha lectura crítica que contribúa á súa maduración persoal. Desde o punto de vista institucional: a dotación de bibliotecas públicas para que contén con fondos amplos -o libro galego segue a ser minoritario nestes espazos-, a potenciación de feiras do libro e outros espazos que contribúan a dar visibilidade en Galicia e no exterior. Asemade, é necesaria unha maior presenza nos medios de comunicación: revistas especializadas, programas de radio e televisión, dixitais...
ACCEDE AO CUESTIONARIO
Autora de recoñecida e ampla traxectoria na LIX galega con obras de narrativa e teatro como:
Adeliña (I Premio Pura e Dora Vázquez, 2004).
Rugando (IX Premio Pura e Dora Vázquez, 2012).
A boca do monte (Editorial Galaxia, 2016).
Rugando ou o misterio do cuarto secreto (Nova edición revisada e ampliada. Editorial Galaxia, 2021).
Unha estrela para Amina (-Premio de Teatro Infantil O Facho 2019-, Editorial Galaxia, 2020).
Cataventos e cia ou A verdadeira historia de Amanda, a princesa, e Leonardo, o poeta. (-II Premio Barriga verde, 2004- Baía edicións)
Velaí vai o papaventos (Autoedición, 2014).
O castelo de Pena Redonda (-Premio de Teatro Infantil O Facho 2016-, Edicións Fervenza 2018).
Publicou tamén narrativa e ensaio para lectorado adulto
Narrativa:
As faces do diamante (Editorial Galaxia, 2023).
Corte e confección(Editorial Galaxia, 2019),
Unha verdade amarga (Editorial Galaxia, 2017).
Ensaio:
Voces da terra. Quiroga e os seus escritores (Concello de Quiroga, 1995).
Pasatempos:
Restra
de letras (Edicións
Xerais, 2002).
Obras colectivas:
“48 horas” en Miño. Antoloxía do relato galego actual. Edicións Xerais,
2023.
0 comentarios:
[Comentario blog]