Como todos os anos dende 1967, o IBBY (International Board on Books for Young People) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril, conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen.
Cada ano encoméndase a unha sección nacional a elección do tema do día do libro infantil. Esa sección, que no ano 2024 é Xapón, convida a importantes profesionais da escrita e a ilustración do seu país a escribir unha mensaxe para a infancia do mundo e deseñar un cartaz que a represente. O cartel e a mensaxe, traducida a todas as linguas presentes na organización, difundirase a nivel internacional.
A ilustradora Nana Furiya foi a encargada de elaborar o cartel deste ano 2024 en colaboración coa escritora Eiko Kadono, autora da mensaxe:
Sobre as alas, os contos viaxan. Desexando sentir o latexo do teu corazón.
Son o Conto Viaxeiro. Vou voando a calquera sitio.
Ás veces vou nas alas do vento. Outras, nas alas das ondas.
E outras nas aliñas dun gran de area.
Por suposto, tamén subo nas alas das aves migratorias.
E, de cando en vez, incluso nas dos avións.
Despois, sento ao teu carón, abro as miñas páxinas e cóntoche a historia que queiras.
Quizais unha historia fantástica?
Ou prefires unha historia triste? De medo?
Unha para rir ás gargalladas?
E se polo de agora non queres escoitar ningunha, non pasa nada.
Seguro que algunha vez terás ganas. Daquela, chámasme. Non tes máis que dicir:
«Conto Viaxeiro, ven aquí!», e irei voando ao teu lado.
Teño historias a moreas.
A historia dunha illa que, farta de estar soa e aburrida, aprendeu a nadar para facer amizades...
Ou a dunha misteriosa noite en que apareceron dúas lúas...
E aquela de cando Papá Noel se perdeu...
A ver? Si, si, seica estou oíndo latexar o teu corazón!
Bom, bom! Bum, bum! Pumba, pumba!
Iso é que o Conto Viaxeiro está dentro de ti e fai soar as campás do teu corazón.
Seguro que a próxima vez es ti o Conto Viaxeiro e desexarás ir de viaxe!
E deste xeito, no mundo nacerá un novo Conto Viaxeiro.
A OEPLI e GÁLIX, xunto co resto das seccións da OEPLI, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte promoven a celebración deste día.
Bibliotecas escolares e públicas, librarías e outras entidades adoitan celebrar esta data organizando exposicións, encontros con autores/as e ilustradores/as, presentacións de libros e actividades diversas de lectura.
Acceso aos materiais para que poidades descargalos e usalos.
Descargar folleto en PDF
Descargar cartel en PDF
Descargar imaxe en JPG
Descargar imaxe e mensaxe en JPG
0 comentarios:
[Comentario blog]