Este libro encantoume! Marzo 2024

Publicado por GÁLIX | 1.3.24 Deixa un comentario

 

MARZO 2024


Recomendamos
Burbullas de calma serena  de Andrea Maceiras





Imaxina que percorres o universo a cabalo dun cometa. Imaxina que desexas experimentar emocións novas, pois no teu mundo só está permitida a calma. Imaxina que chegas á Terra e adoptas primeiro a forma dun gato e despois a dun famoso actor adolescente. Es quen de facelo? Pois xa estás dentro da imaxinativa burbulla creada por Andrea Maceiras no seu novo libro.

Burbullas de calma serena está publicado en Cuarto de Inverno, que nos agasalla cunha edición feita con mimo, como é marca da casa. Este bo facer reflíctese na escolla da ilustradora, Irene Sanjuán, cuxo traballo encaixa á perfección coa atmosfera da historia.

Esta aventura intergaláctica transcorre nun lugar pequeno e tranquilo, a urbanización Agarimo, onde chega o alien Orión para cambiar definitivamente a vida dalgúns dos seus habitantes. É o caso da gata Casiopea, primeira amiga terrícola de Orión e unha das narradoras da historia. Mais tamén de Alma, unha nena agoniada pola ansiedade; ou de Noa, Nico e mais Luc, os seus curmáns, que teñen que aturar as emocións derivadas de vivir afastados dos pais.

Orión axudaralles a coñecer mellor estas emocións e a convivir con elas. Mais esta aprendizaxe é mutua, pois no proceso o alien descubrirá aspectos sobre si mesmo que descoñecía.

Burbullas de calma serena é unha viaxe iniciática cuns personaxes inesquecibles e divertidos toques de humor; unha tenra aventura ateigada de emocións cuxa lectura debuxará un sorriso a quen entre nesta burbulla de gran literatura infanto-xuvenil.

Antonio M. Fraga



________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]