Este venres, 24 de marzo, asistimos á xornada formativa "Un bosque cheo de libros. A literatura infantil e xuvenil en galego na actualidade" organizada dende a Biblioteca de Galicia. onde podemos aínda visitar a exposición "Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil en galego" comisariada pola profesora Montserrat Pena Presas.
Fina Casalderrey e Montse Pena Presas mantiveron unha animada e amena conversa sobre a lectura e a literatura e compartiu connosco o seu coñecemento, a súa experiencia e as súas opinións. Falounos dos carapuchólogos que, en cada época tratan de adaptar as historias á ortodoxia do momento e da capacidade da literaturae dos contos para coñecer a historia, como se vivía naqueles tempos, que se valoraba...
Na
mesa sobre narrativa coincidiron en que se trata dun xénero
consolidado. Ana Luna fixo un breve e completo percorrido pola
historia e o presente da tradución ao galego. Paz Pereiro informou
sobre as preferencias do lectorado, o nivel de lectura e as accións
de mediación da Asesoría de bibliotecas escolares e das bibliotecas
dos centros educativos. Andrea Maceiras destacou o labor das
bibliotecas na mediación e na descuberta libre de lecturas. Maceiras
considera que gozamos dun sistema literario diverso e de gran
calidade. Libre e valente.
Na segunda mesa destacaron a calidade e a innovación da poesía infantoxuvenil galega. Anxos Rial afirmou que a poesía é a linguaxe natural da adolescencia, aínda que eles non o saiban e aportou xeitos de familiarizar á rapazada coa poesía. Antonio García Teijeiro afirmou que cre no poder transformador da poesía, na que calquera pode identificar os seus sentimentos.
María J. Caamaño, Roberto Pascual e Paula Carballeira falaron de teatro. A profesora Caamaño fixo un percorrido pola literatura dramática infantil galega ata a actualidade e falou dos premios de teatro infantil en Galicia. Pascual falou de experiencias internacionais de teatro infantil para a infancia. Paula Carballeira, que rematou a sesión da mañá, indicou que o teatro é o mellor dos medios para a transmisión da lingua e a cultura e afirmou que as obras dramáticas están pensadas para ser representadas, pero que tanto o teatro coma a narración oral son artes efímeras que so permanecen cando se publican.
Pola tarde Eva Mejuto falounos do álbum ilustrado como traballo colaborativo onde o texto e a imaxe crean unha unidade; un xénero para todas as idades no que se poden tratar todos os temas e comentou a ausencia de álbums que traten o tema da guerra civil. Paz Castro amosounos e comentou os libros gañadores do Premio Compostela. Federico Fernandez describiu o proceso de creación dun álbum.
Na mesa dedicada á banda deseñada Xulio Carballo comentou as primeiras experiencias de revistas de historietas. Fausto Isornas falounos de Golfiño e lembrounos a serie de Simón Martel. Inés Vázquez presentou a súa obra Aldara e asegurou que na noso historia e a nosa mitoloxía son unha fonte de temas para o cómic.
0 comentarios:
[Comentario blog]