MARZO 2023
Recomendamos Ratos na escola de Xosé Manuel González Barreiro - OLI
“Oli” Xosé Manuel González Barreiro é mestre de primaria, tradutor, escritor, contacontos e especialista en literatura infantil e xuvenil, pero ante todo, pai e avó. Este último quefacer veu a incentivar aínda máis a súa capacidade creativa, que desenvolve e manexa con mestría, como así o testemuñan os numerosos libros, traducidos a diversas linguas, algúns dos cales granxearon importantes recoñecementos. O seu último libro titulado Ratos na escola, publicado por Kalandraka editora, é o terceiro volume dunha serie á que pertencen Os ratos da casa e Ratos de viaxe, por non falar daquela tradución ao galego que Xosé Manuel González xa fixera, tamén para Kalandraka en 1999, de Contos de Ratiños de Arnold Lobel. Un autor imprescindible e esencial para entender a historia da LIX contemporánea, que probablemente tivo unha considerable influencia nos rebuldeiros ratos que buligan polas páxinas desta triloxía, sobre todo os do CEIP de Reibón nos que Oli se inspirou para escribir o presente volume. Porén, o principal referente da súa obra é o seu mestre, Federico Martín, de quen aprendeu a importancia de educar aos nenos e nenas a través do xogo, do canto e da tradición oral.
“Un rato é milagre suficiente” (Walt Whitman). Pero na prolífica bibliografía de Xosé Manuel González hai ratos a esgalla, ratos cortesáns e labregos, de Monferrado e de Guadalaxara. Tampouco podían faltar O rato avó e o muraño (Xerais, 2015).
A aparente sinxeleza do texto actúa como un tornarratos sen final, que unha vez percorrido regurxita o seu significado nas fermosas ilustracións a dobre páxina de Natalia Colombo, que plasma cunha explosión de cor as tolarías dos ratos, proporcionando a enerxía necesaria para alicerzar as emocionantes e intensas falcatruadas dos pequenos roedores.
Ratos na escola, ao igual que outros tantos libros de Oli, é un libro para recrear e contar na aula, pola súa sonoridade, polo ritmo, polo colorido, polo fíos da trama acumulativa, que suma pero tamén sorbe a atención das crianzas. Que xa o dixo Billy Collins , “Aos nenos dígolles que solten un rato no poema e miren como busca a saída”.
GONZÁLEZ, Xosé Manuel e COLOMBO, Natalia, Ratos na escola, Kalandraka Editora, Pontevedra, 2021
Rafael Fernández Lorenzo
___________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]