O pasado mes de novembro celebramos as Xornadas-Obradoiro "Ensinar dende a LIX", coordinadas por Miguel Alonso Diz e nas que contamos coa colaboración de Raquel Castro, Anxo Iglesias Mariño e Xavier Estévez Ferreiro.
A actividade contou co apoio da OEPLI e a axuda do Ministerio de Cultura e Deporte.
Realizouse en tres días diferentes usando as ferramentas pedagóxicas que nos proporciona a LIX nos ámbitos do teatro, a poesía e a narrativa.
No seu desenvolvemento constatamos a necesidade de crear sinerxías entre os distintos sectores da mediación para conseguir un intercambio de ideas, experiencias e ferramentas para enfocar a transmisión da LIX dunha forma eficaz, amena e resolutiva á hora de traballar co alumnado (infantil, primaria e ESO) e usuarios e usuarias das bibliotecas. As persoas asistentes traballaron man a man co profesorado que impartiu as diferentes sesións. Así, durante os tres días transmitíronse experiencias en vivo dunha metodoloxía eficaz para a promoción da lectura, afianzamento dos lectores e lectoras e captación de novo lectorado.
Neste sentido, un dos resultados que consideramos fundamental foi definir o marco teórico e os campos de actuación na práctica da mediación lectora.
Evidenciouse a importancia de coñecer unha extensa e contrastada bibliografía de LIX para que as persoas mediadoras saiban recomendar obras de calidade e, sobre todo, aquelas que promovan a adquisición de valores tan sensibles como os referidos ao acoso escolar, solidariedade, igualdade e diversidade, ou sexa, a realidade na LIX e a súa importancia na formación de mellores persoas no futuro.








0 comentarios:
[Comentario blog]