Como todos os anos dende 1967, o IBBY (International Board on Books for Young People) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de abril, conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen.
Cada ano encoméndase a unha sección nacional a elección do tema do día do libro infantil. Esa Sección, que no ano 2023 é Grecia, convida a importantes profesionais da escrita e a ilustración do seu país a escribir unha mensaxe para a infancia do mundo e deseñar un cartaz que a represente. O cartel e a mensaxe, traducida a todas as linguas presentes na organización, difundirase a nivel internacional.
Photini Stephanidi foi o encargado de elaborar o cartel deste ano 2023 en colaboración co escritor Yagalis Iliopoulos, autor da mensaxe en formato poema: Son un libro, leme.
Son un libro, leme.
Eu son un libro.
Ti es un libro.
Todos somos libros.
A historia que conto é a miña alma
e cada libro ten a súa propia.
Se cadra non nos parecemos en nada
–hainos grandes, hainos pequenos,
hainos coloridos, outros en branco e negro,
hainos moi finos e outros moi grosos.
As nosas historias serán diferentes ou semellantes:
velaquí a nosa beleza.
Que aburrido se todos fósemos iguais!
Cada un de nós é único.
E merece ser respectado,
ser lido sen prexuízos,
ter o seu espazo, o seu andel.
Pode que constrúas unha opinión sobre min.
Pode que elixas cuestionar ou comentar o que les.
Pode que me devolvas á biblioteca,
ou talvez queiras terme preto na túa viaxe.
Pero xamais permitas que me tiren
nin que me manden cambiar de andel.
Non pidas nunca que me destrúan, nin deixes que outros o fagan.
E se un libro vai onda ti desde outro andel,
porque alguén ou algo o empurrase a iso,
faille un oco.
Ao teu lado, cabe.
Trata de sentir como se sente.
Compréndeo. Protéxeo.
Quizais esteas mañá na súa situación.
Pois ti tamén es un libro.
Todos somos libros
Veña, dío moi alto para que se oia ben:
"Son un libro, leme"
Vagelis Iliopoulos. Tradución ao galego Mercedes Pacheco
A OEPLI e GÁLIX, xunto co resto das seccións da OEPLI, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte promoven a celebración deste día.
Bibliotecas escolares e públicas, librarías e outras entidades adoitan celebrar esta data organizando exposicións, encontros con autores/as e ilustradores/as, presentacións de libros e actividades diversas de lectura.
Acceso aos materiais para que poidades descargalos e usalos.
- Descargar folleto en PDF
- Descargar cartel en PDF
- Descargar imaxe cartel en JPG
- Descargar imaxe mensaxe en JPG
0 comentarios:
[Comentario blog]