Dende a OEPLI- IBBY España (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) e as súas seccións: GÁLIX, ClijCat, Galtzagorri e Consejo General del Libro queremos MANIFESTAR A nosa PREOCUPACIÓN ante a crecente tendencia á corrección política na literatura infantil e xuvenil.
A polémica suscitada pola noticia da reescritura das obras de Roald Dahl para adaptalas aos novos lectores fixo emerxer un problema que non é novo. Un problema que non só afecta á reedición de clásicos, senón que ten consecuencias sobre a produción actual, condicionada pola autocensura que moitos creadores, editores, prescritores e mediadores exercen habitualmente, co obxectivo de non incomodar, evitar o conflito ou unha suposta ofensa dos lectores actuais.
Estas prácticas de censura ideolóxica e a autocorrección, que en ocasións inducen a eliminar ou non mostrar e noutros casos para integrar temas tendencia, instrumentalizan a literatura, empobrecen a oferta editorial e van en detrimento do risco, a diversidade, a liberdade artística e o espírito crítico.
Moitas veces, o desexo adulto ben intencionado de protexer a infancia e ofrecerlle só o mundo que aceptamos e queremos para eles, esquece:
1.- Os nenos e mozos viven contradicións, inxustizas e situacións complexas que non desaparecen polo feito de non se amosar
2.- Necesitan situarse no contexto dunha historia que vén de lonxe e saberse herdeiros dunha tradición para poderse confrontar con ela e atopar as súas propias formas de subvertela. As obras literarias poden ser unha xanela para a proxección dun futuro diferente, pero non poden deixar de ser o espello do presente e do pasado que nos precede.
Os nenos necesitan libros que sexan espellos e libros que sexan xanelas.(Jella Lepman)
E
por iso consideramos importante REIVINDICAR un compromiso colectivo
cunha literatura infantil e xuvenil:
-
Respectuosa coas capacidades que a infancia posúe para ler e
interpretar as obras e o mundo, dende a complexidade, a ironía, a
irreverencia, o simbolismo e a imaxinación.
- Sen un vínculo limitador cos factores educativos e pedagóxicos que se lle atribúen.
- Comprometida coa liberdade creativa.
- Innovadora e artisticamente arriscada, provocadora de preguntas máis que facilitadora de respostas e xeradora de retos.
É un insensato o que se empeña en ser escritor. A súa única compensación é a liberdade absoluta. Non ten quen lle mande, salvo o seu propio espírito, e iso, estou seguro, é o que lle tenta. (Roal Dahl)
As persoas ou entidades que queiran adherirse a esta reivindicación picar aquí.
0 comentarios:
[Comentario blog]