A Xanela de GÁLIX. Marilar Aleixandre

Publicado por GÁLIX | 15.2.23 Deixa un comentario


Marilar Aleixandre (María Pilar Jiménez Aleixandre, Madrid, 1947)

Socia nº 141 de GÁLIX

Narradora, poeta, feminista e algunha identidade máis



    Marilar Aleixandre ten a lingua gallada aínda que, segundo ela, non todos os bichos con lingua bífida son perversos. Naceu en Madrid, nunha maternidade na rúa O'Donnell na que roubaban criaturas, polo que non está segura de ser quen é. As súas primeiras lembranzas son de Ceuta, onde viviu até os sete anos, nunha casa con horta e unha tartaruga, despois foi para Madrid, con moitos meses pasados na vila cordobesa de Doña Mencía, onde nacera o seu pai. Por iso, na súa páxina web http://marilar.gal, di que ten saudades de todos os lugares onde viviu, do limoeiro de lúa de Ceuta, de ir comer figos á alba co seu pai en Doña Mencía, do Cine Club de Areneros, en Argüelles, onde viu por vez primeira Freaks, das mimosas en flor en xaneiro en Vigo, e dalgúns máis.

Desde a adolescencia ten unha identidade escindida entre escritora e naturalista. Estudou bioloxía a finais dos 60, participando na loita clandestina contra o franquismo e facéndose feminista, ao tempo que adquiría unha sólida formación en música de rock , folk e blues. Quixo facer unha tese sobre serpentes da península ibérica, mais por trastornos debidos á ditadura acabou iniciando unha sobre os saltóns e ensinando entomoloxía na Universidade Complutense de Madrid, cun contrato de 4 horas á semana. Mentres, para pagar o alugueiro nun piso compartido, daba clase en colexios de secundaria: o Sagrado Corazón de Rosales, un infame colexio de Entrevías, do que a botaron por poñerse de parte das alumnas mais onde aprendeu leccións imborrábeis, outro en Vallecas e unha academia masculina en Argüelles onde tiña moito prestixio entre o alumnado por ser a única profesora que chegaba en moto (era unha Derbi vermella). En 1973 o catedrático, Salvador, díxolle que nunca lle daría un contrato a tempo completo porque as mulleres non investigaban; daquela fixo as oposicións de instituto, chegou a Vigo, fíxose galega e até hoxe. En Vigo ensinou trece anos no Instituto Castelao, participou na Asociación de veciños do Calvario, na fundación das primeiras asociacións feministas, e namorouse das Illas Cíes e de Cabo Udra. Coautora dos primeiros textos de ciencias en galego, acabou facendo unha tese sobre aprendizaxe da selección natural e levando a contraria a Salvador, xa que é unha das investigadoras europeas máis recoñecidas en didáctica das ciencias, (https://scholar.google.com/citations?hl=es&user=p_gy4i4AAAAJ) cun Ih de 43 e un artigo citado case 2000 veces. En 2019 recibiu o premio da asociación estadounidense NARST (https://www.publico.es/sociedad/marilar-aleixandre-veces-vemos-dilema-ensenar-ciencias-alumnado-siglo-xxi-estuviesemos-xviii.html) o máis importante na didáctica das ciencias, polas súas contribucións ao pensamento crítico.

Fotografía de Miguel Taboada

 

En literatura, empezando polo final, en 2022 acadou o Premio nacional de narrativa –primeira muller galega en recibilo– pola novela As malas mulleres (Galaxia, 2021), que antes recibira o Blanco Amor. Nese ano 2021 publicou, con María López Sández o ensaio Movendo os marcos do patriarcado: O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (Galaxia). Talvez por esa lingua partida a súa poesía está inzada de plantas ventureiras (Desmentindo a primavera, Xerais; e Desescribindo, Apiario), e animais rebeldes (Ovella descarreirada Xerais, 2014). Acadou premios de poesía, o Esquío 1998 por Catálogo de velenos, o Caixanova-PEN 2007 por Mudanzas, reescrita feminista das Metamorfoses, estes xunto con Abecedario de árbores (2006), reeditados como Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017). A súa narrativa recibiu outros premios: o Álvaro Cunqueiro 1997 (A Compañía clandestina de contrapublicidade), ou o Xerais 2001 por Teoría do caos. Con todo, o que prefire escribir son relatos, como os d'O coitelo en novembro (Xerais 2010) ou Lobos nas illas (Xerais, 1996; en castelán Lobos en las islas, Arde, 2022): coidado coas narradoras, non se sabe quen é autora, quen personaxe

ACCESO

Comezou a súa andaina literaria na narrativa infantil e xuvenil –aínda que ela non fai caso desas etiquetas– con A formiga coxa, en 1989, acadando os premios o Merlín e da Crítica, por A expedición do Pacífico (1994), un clásico que no seu momento foi acusado de contar a primeira regra dunha rapaza –certo, por vez primeira na literatura galega–. Despois virían, entre outros, O trasno de Alqueidón (1996, Premio Rañolas), A banda sen futuro (1999, Premio Lazarillo), Paxaros de papel (2001, Lista White Ravens); Herbalúa (2006), A cabeza de Medusa (2008, premios Caixa Galicia e White Ravens), sobre a violación social que segue á física, ou A filla do minotauro (2018, premio Raíña Lupa).

Tamén é tradutora, por exemplo de Lewis Carroll, A caza do carbairán, ou de J. K. Rowling, Harry Potter e a pedra filosofal, xa que considera que todo o que escribimos e parte do mesmo. En 2017 ingresou na Real Academia Galega co discurso Voces termando da paisaxe galega (https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/view/315/310/273).



 

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]