O ensino por proxectos nos que o alumnado, para acadar as competencias, aprende a buscar, seleccionar, valorar e contrastar información, traballando directamente coas fontes informativas, esixe moito máis do que libros de texto, precisa libros accesibles para os diferentes niveis de lectura, con información contextualizada, veraz e útil en galego
As nenas e nenos son, tamén por propia iniciativa, lectoras e lectores de textos de información nos que buscan respostas aos seus intereses e modelos que lles axuden a interpretar o mundo. O idioma no que reciban esta información será no que constrúan a súa interpretación.
É a nosa responsabilidade, como mediadores e produtores de libros promover que estas fiestras da mente se abran en galego para normalizar o seu uso como lingua de comunicación e de coñecemento.
Respondendo a estas necesidades detectadas, os días 25 e 26 de xaneiro e o 1 de febreiro de 2023 celebramos as X Xornadas GÁLIX que, nesta ocasión, versaron sobre o libro infantil e xuvenil de non ficción en galego. A actividade, con axuda do Ministerio de Cultura e Deporte e a participación do CAFI, realizouse no Salón de actos do Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela.