MAIO 2024
Recomendamos Charlotte de Consuelo Vercher
Como se lle conta a una nena de sete anos que a súa nai vai morrer? Consuelo Vercher coñece ben as claves e acerta na súa estrea como narradora dunha historia na que a protagonista, a pequena Charlotte, vai convivir en poucos meses con esa situación na súa casa. Unha historia tan real como os fermosos trazos da ilustradora, Clara Encinas, que acompañan en harmonía as páxinas deste libro. A autora da tradución ao galego e ao castelán, Tamara Andrés, resolve con éxito os cambios de voz da narradora e atende aos xogos de palabras desa nena tenra e intelixente.
Entre todos os temas tratados neste magnífico relato que nos trae reminiscencias de Voltaire, de Colette ou de Lindreng: a fantasía dunha nena, a convivencia familiar, o comportamento dos habitantes do barrio, as relacións de amor e amizade, o racismo, a homofobia, a desigualdade ou a solidariedade...; quédome coa maneira de presentar as emocións que desenvolve unha cativa ante a enfermidade e a ameaza irreversible da desaparición da súa nai:
“A mamá heille regalar unha viaxe a unha illa, para que poida cumprir por fin o seu soño, que é marchar para poder descansar e durmir”.
Sentimentos que non sempre son tristura e desánimo, senón tamén por veces, rabia e impotencia: “A verdade é que as persoas adultas non se me dan moi ben”.
Se o fin máis importante da educación é facer persoas felices, a literatura pódenos axudar a descubrir a capacidade de apreciar a beleza e a entender mellor as emocións. A protagonista debe enfrontarse a nada doada descuberta da complexidade do mundo:
“As cousas que me gustan son inventar palabras (sobre todo as que rematan en OSO), abrazar ao meu irmán; liberar grilos; apañar pensamentos bonitos; dobrar a roupa; disfrazarme; usar lapis de labios; pasar tempo no retrete; espiar; correr polo xardín [...] facer a revolución; debuxar nas paredes, e mamá cando non chora”.
A historia de Charlotte cumpre esa necesaria función socializadora que leva implícita a literatura, simplemente porque fala e reflexiona sobre a humanidade dende a altura dunha nena de sete anos, o que nos permite ver cos ollos dos demais e dende perspectivas distintas como poden sentirse as persoas, a forma en que valoran os sucesos, os recursos cos que se enfrontan aos seus problemas ou o que significa seguir as normas e as consecuencias de infrinxilas segundo as variables de cada situación.
Ana Luna Alonso
______________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]