O pasado martes 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil, Anxo M. Lorenzo, director xeral de Cultura, David Cortizo, presidente de GÁLIX, e Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas, presentaron o catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2024 que, como cada ano, elaboramos recollendo os títulos de literatura infantil e xuvenil publicados polas editoriais galegas ao longo do ano anterior.
A Consellería de Cultura e GÁLIX coeditan esta publicación trilingüe para dar a coñecer tanto en Galicia coma no exterior as novidades editoriais galegas dirixidas ao público máis novo.
A obra vaise distribuír nas principais feiras e certames internacionais do libro nas que Galicia terá presenza. Presentouse xa na Feira Internacional do Libro de Boloña, entre o 8 e o 11 de abril, onde Galicia contou cun expositor propio para dar a coñecer a produción LIX do noso país.
O documento que agora compartimos pretende ser de utilidade para todas as persoas relacionadas coa LIX no campo da creación, a mediación e tamén da produción e difusión.
O novo catálogo, coa ilustración de cuberta da autoría de Bea Gregores, foi traducido ao inglés e ao castelán por Raúl Esmorís e Mercedes Pacheco. Raquel Senra e Mercedes Pacheco ocupáronse da coordinación do proxecto.
Podes descargar esta publicación en calquera destes espazos:
No banner do blog.
No padlet, CATÁLOGOS, GUÍAS E RECURSOS EN REDE
Na páxina de recursos, sección Catálogos, guías e recursos online, ao final da páxina.
0 comentarios:
[Comentario blog]