Como homenaxe ao escritor danés Hans Christian Andersen, celébrase o 2 de abril, aniversario do seu nacemento, o Día Internacional do Libro Infantil. Esta efeméride promovida polo IBBY, a nivel internacional, e polas seccións que a integran, ten como obxectivo promover a lectura entre os máis pequenos e fomentar o amor pola lectura desde unha idade temperá.
Os libros non só son unha fonte de entretemento, senón tamén unha poderosa ferramenta para educar, inspirar e enriquecer a vida da xente nova. Ademais, a lectura fomenta a creatividade, a imaxinación e o pensamento crítico, habilidades fundamentais para o seu desenvolvemento cognitivo e emocional.
O hábito da lectura fomenta a tolerancia e o entendemento entre diferentes culturas porque refire as experiencias e perspectivas de persoas de todo o mundo, o que permite ampliar a visión e desenvolver empatía cara a aqueles que son diferentes.
En días coma o de hoxe cómpre lembrar ás nenas e nenos palestinos en condicións de extrema violencia e sen acceso aos servizos básicos: alimentación, asistencia sanitaria ou educación. No libro "A arte da lectura en tempos de crise", Michèle Petit aborda a importancia da lectura en contextos de conflito ou desastres humanitarios, nel explora como a lectura pode ser unha ferramenta poderosa para a resiliencia que axuda a nenas e nenos a resistir o estrés e a ansiedade.
0 comentarios:
[Comentario blog]