A XANELA DE GÁLIX. Ánxela Gracián

Publicado por GÁLIX | 15.10.23 Deixa un comentario

 


 

ÁNXELA GRACIÁN, ESCRITORA, TRADUTORA E SOCIA Nº 200 DE GÁLIX






Ánxela Rodríguez Rodríguez (máis coñecida no mundo literario como Ánxela Gracián) naceu, hai un tempo, en San Paio de Arcos. Foi vicepresidenta da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (GÁLIX).


É licenciada en Filoloxía Galega e dedicou o seu labor profesional ás letras nas súas facetas como escritora, tradutora, editora, crítica literaria e dinamizadora cultural.

Obtivo o premio de Investigación Xohana Torres do Concello de Santiago en 1994 co ensaio Herdanza e signo.

En 2008 gañou o premio Plácido Castro pola súa tradución d' A illa misteriosa de Jules Verne.

No ano 2018 gañou o premio Pura e Dora Vázquez coa obra As historias da ogra Pinta e, ex aequo, o premio Meiga Moira coa obra Voces de auga.

E coa obra Donas de nós, gañou novamente o premio Meiga Moira no ano 2022. 

 



  1. Ti es a socia número 200. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?

    Foi a raíz da publicación do meu primeiro libro Cos petos cheos de cinza da Editorial Everest. Daquela, empecei a concentrar esforzos na LIX, antes non o fixera. A primeira vez que oín falar de Galix foi arredor do ano 97-98,nun encontro-tertulia de escritores que faciamos en Santiago, con Miguel Vázquez Freire, Marilar Aleixandre, Gloria Sánchez, Carlos Labraña, Xosé Gándara, Pilar Sampedro, Magdalena de Rojas, Lourdes e outra xente máis relacionada co libro infantil, onde poñiamos en común os nosos gustos e lecturas. Eles falaban das actividades da asociación, eu achegueime á bilbioteca Nova 33, que daquela estaba na rúa do Vilar e comecei a ler LIX e tamén me fixen social.

  2. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?

    Foi a publicación dese libro que referín antes, realmente non sabía que era de LIX, escribino porque eran contos que inventaba para a miña sobriña e conteillo a unha amiga, ela púxome en contacto con Irene Penas, pasei a papel eses contos e Irene editounos. Aí foron os comezos.

  3. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?

Eu son unha lectora voraz dende a infancia nunha casa sen libros, ou con moi poucos. No Colexio de Castroverde agora hai unha biblioteca moi nutrida, pero cando eu estudei polos anos 70 había escasamente un andel de libros e moitos deles non eran propiamente infantís. Aínda así, eu lía, un pouco de todo, moi heterodoxamente, a miña infancia marcouna un libro sobre illas salvaxes A illa misteriosa de Jules Verne, que moitos anos máis tarde traducín ao galego. Quedei enganchada con aqueles catro fuxitivos da xustiza que domesticaban unha illa salvaxe no medio do océano, aínda que xa entón me preguntei por que non había mulleres alí. Era estraño, como se os homes se bastasen para todo: Na miña mocidade foi La Regenta, que a lin con catorce anos porque ma deu a ler a bibliotecaria da biblioteca de Lugo, sempre estarei en débeda, fascinoume. Atopaba moitas similitudes co Lugo deses anos 80 ao que acababa de mudarme para facer Primeiro de BUP-

  1. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?

As cousas de Ramón Lamote. Eu estaba en COU cando o premiaron, merqueino e lino dun tirón. Foi un encontro co espazo da cidade de Lugo, ou calquera cidade provinciana, e unha aposta polo marabilloso, para min é o clásico dos clásicos. Pero é difícil dicir un só. Hai moitos marabillosos.

  1. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?

Gústame ese Lamote que outorga marmolubios ao neno que gañe a carreira de nubes. Tamén me gusta moito a Merche de Asústate Merche e a protagonista feminina da novela de Aire Negro.

  1. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?

Ui, son tantos que é difícil dicir un. Quizais digo Cubeiro porque ilustrou o meu primeiro libro e sempre me gustou moito o seu traballo, pero son moitos os que me gustan. Moitos, moitos, cada un cunha mirada diferente.

  1. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.

A maior fortaleza é esa pluralidade de voces e tendencias que forman un conxunto moi heteroxéneo, a debilidade, creo que a falta de promoción exterior, de estratexias para vendernos fóra, hai moitas, pero eu desexaría que fosen máis, para facernos oír.

  1. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución?

    A consolidación e o prestixio. Cando comecei había un desprestixio grande no sistema infantil e moi pouca investigación e proxección. Agora iso cambiou, a LIX xa non se considera unha literatura menor e ten presenza en todos os espazos e tamén hai un mercado moi consolidado e plural.

  2. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?

Creo que falta formación para os profesores de secundaria, por exemplo, non hai un tema específico no temario de oposicións, e logo van necesitar desas lecturas e deses nomes para enfrontarse no día a día nas aulas, por exemplo. Creo que se deberían impartir charlas nas bibliotecas e nos espazos de mediadores. E tamén na universidade, non só nas de Formación do Profesorado.

  1. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.

    Encontros con autores e autoras e ilustradores e ilustradoras nas bibliotecas, por exemplo, organizado e sistematizado.

    Un podcast de lecturas gravadas a disposición dos centros, ou outro soporte, vídeo etc.


ACCESO 







Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]