OUTUBRO 2023
Recomendamos
Un
choque inesperado
de
María
Reimóndez
Unha vez escoitei, como referencia a un libro seu que viñamos de ler no club de lectura feminista da Sega, que María Reimóndez nunca daba puntada sen fío (non, o libro non era O club da calceta) e penso que esta é unha característica que define moi ben a obra desta autora e, nomeadamente, este Un choque inesperado. Aquí, catro
rapazas
que veñen cada unha dun punto
cardinal distinto da cidade de Lugo, un sinxelo e efectivo recurso da
autora para sinalar a diversidade que hai entre elas, chocan á vez
na entrada do Museo Provincial. Estamos no ano
2060 e Lugo xa non é a cidade que coñecemos agora. Con todo, é
tristemente semellante ao que podería ser nun futuro non moi
afastado. Está a muralla, obviamente, e as rúas máis sobranceiras,
pero xa case non queda comercio local
nin vida social, pois a cidade está
dominada pola intelixencia artificial e dedicada ao turismo de masas,
mesmo con lugares restrinxidos só aos visitantes e dos que son
expulsados os habitantes non gratos. A autora fía unha
historia de anticipación, con humor e pericia
narrativa, de tal xeito que
vai tecendo unha trama
de personaxes protagonistas, secundarias, citadas ou
intuídas que conforman un
tapiz
no que están presentes os coidados, a empatía, o
compañeirismo, a amizade ou as complicidades. Elementos estes, que
resultan necesarios para que a distopía mude en utopía.
Todo isto cosido
con
mestría literaria,
coñecemento do que se
conta
e o
habitual coidado léxico da autora. Porque
María Reimóndez
é unha escritora
de fiar (había dúbida?)
David Cortizo Conde
___________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]