OUTUBRO 2022
Recomendamos A caza do Tiburente de Lewis Carroll traducida por Alberto Ruiz de Samaniego e Xabier Meilán
LER PARA CRER
De Lewis Carroll todos lembramos As aventuras de Alicia no país das marabillas (Alice's Adventures in Wonderland) e Alicia a través do espello (Through the Looking-Glass and what Alice Found There) como dous libros que protagonizan nenos pero que realmente están pensados para lectores adultos. Literatura que fomenta o pensamento e o sarcasmo, a ironía e a imaxinación.
A caza do Tiburente é unha oportuna e necesaria recuperación do poema que Carroll titulou The Hunting of the Snark e que publicou en 1876. Del, que eu saiba, só se tiña feito unha tradución ao galego, que foi case unha reescrita do texto abordada en 1995 por Marilar Aleixandre, co título de A caza do Carbairán. Tense dito deste texto que é un poema absurdo, épico, surrealista, protodadaísta, pero o que está claro é que o seu autor concibiuno como unha brincadeira literaria. Palabras cheas de sentido do humor, dunha visión dislocada da realidade, dunha crítica distante e sutil. O propio Carroll deféndese no seu prólogo das previsibles acusacións dos que lle recriminen escribir textos absurdos, alegando que o seu é un poema cun “profundo propósito moral”, que inculca “principios aritméticos” e que contén “nobres ensinanzas de Historia Natural”. Ironía cómplice co lector e desapiadada cos críticos puristas do seu tempo.
Todos sabemos que o absurdo na literatura non debe explicarse, pero para os lectores que teñan medo de atopar o Tiburente (animal imaxinario da estirpe dos biosbardos e dos carbairáns). antes de que dea por rematada a lectura deste libro, recomendámoslle que empece a lelo desde o principio (seica Carroll empezou a escribilo polo final) e que pense que a felicidade e a beleza son lugares que comparten camiños de acceso. Como a literatura verdadeira, esa escrita imprevisible que nos sorprende en cada páxina e nos obriga a ler sen prexuízos.
Faktoría K vén de facer unha das mellores edicións que eu coñezo deste poema: pola escolla do formato e a colección na que o edita, pola arriscada e logradísima tradución de Alberto Ruiz de Samaniego e Xabier Meilán e polas fantásticas ilustracións de Óscar Villán.
Un libro de significados reversibles, de camiños percorridos por criaturas inocentes que non levan a ningures.
Ler para crer. Desde a sorpresa e a incredulidade. Esta é a mellor homenaxe que lle podemos facer a ese escritor e fotógrafo xenial que decidiu chamarse Lewis Carroll na ficción literaria cando en realidade se chamaba Charles Lutwidge Dodgson.
___________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]