Este libro encantoume. Xullo 2022

Publicado por GÁLIX | 1.7.22 Deixa un comentario


Xu
llo 2022




Recomendamos A formiga fóra do carreiro de Raquel Castro



As fábulas forman parte do noso imaxinario colectivo e transmiten de xeración en xeración os valores morais da sociedade. A da chicharra e a formiga, sen dúbida unha das máis coñecidas, presenta desde a primeira versión de Esopo, coas posteriores reelaboracións de La Fontaine ou Samaniego, dous arquetipos antagónicos: a chicharra, como modelo de conduta negativo —a preguiza, a ociosidade, a imprevisión e a bohemia—, fronte á formiga, como referente positivo —o traballo, o esforzo, a disciplina e o aforro—, se ben noutros textos esta encarna tamén a avaricia e a rapina.


Mais esta obra teatral de Raquel Castro está protagonizada por unha formiga que rompe co estereotipo. Cansa de repetir todos os días a mesma rutina de carrexar comida ata o formigueiro, despídese das súas irmás, abandona o carreiro polo que todas xuntas transitaban e disponse a iniciar unha viaxe en solitario na procura dun porvir máis pracenteiro. “Quero ver mundo, viaxar, coñecer xente nova, vivir experiencias”, afirma. No seu percorrido pola Fraga dos Altos Carballos entra en contacto con outros animais: unha araña que, como a malvada bruxa dos contos, soña con engulir algunha presa incauta, unha mosca aviadora sempre cruzando os ceos, as irmás Pulguini, as pulgas máis famosas do Gran Circo das Estrelas, e unha Eiruga transformista á espera do momento de mudar en fermosa bolboreta. A todos eles expoñerá a formiga os seus proxectos: “Fuxo do meu carreiro para atopar o meu verdadeiro destino”. Grazas ao consello da Eiruga O teu destino está dentro de ti, só tes que deixalo saír” e á súa determinación, Formiga descubrirá que é o que máis lle gusta, aquilo que a fai realmente feliz.

Esta obra encantoume porque é unha peza divertida que, mediante uns diálogos áxiles e uns personaxes ben deseñados (as ilustracións de Ángela Álvarez completan e enriquecen a súa personalidade), transmite unha importante mensaxe, a mesma que expresa a canción “A formiga no carreiro” de Zeca Afonso con que remata ao acto primeiro: mudar o rumbo, non renunciar aos soños e loitar por unha vida mellor son empeños fundamentais para acadar unha existencia plena e venturosa. 

 

Celia Díaz Núñez


___________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]