Marzo 2022
Recomendamos Carabela de Paula Carballeira
Carabela (2020) é ata o momento a última obra teatral publicada por Paula Carballeira. Se en Refugallo (2011) incidía na acumulación de residuos por mor do hábito de tirar ao lixo o que xa non nos serve para volver consumir e tirar de novo, denuncia agora a degradación dos espazos mariños. Mensaxe eficazmente reforzada polas ilustracións de Abi Castillo.
A protagonista é Carabela, a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico, no medio dun océano calquera. Un lugar onde se sitúan espazos tan elocuentes como a Duna de Tapóns, o Monte de Envases, a Praia das Cortinas de Ducha, o Campo de Xoguetes Escachados, ou o Monte de Potas e Caldeiros.
Carabela
constrúe con refugallos unha Nena de Plástico á que lle conta a
súa historia para non esquecela e porque “a noite é menos escura
cando falas con alguén”. Con elas dúas interactúan outros
personaxes que padecen en carne propia as consecuencias do maltrato á
natureza: o Peixe Mutante, o Paxaro Choromica, a Pantasma das Bolsas
do Lixo e a Quenlla voadora e salvaxe. Todos eles son a culminación
dun longo proceso de destrución que se remonta xa á época do avó,
cando “o mar comezaba a estar enfadado” porque “non lle gusta
que lle perdamos o respecto”. A indiferenza ante a ameaza provocou
o crecemento desa illa sen vida, onde non hai nada que comer como non
sexa plástico.
Foron os humanos os que estragaron a natureza, acusa; mais algún día serán tamén eles os que acabarán co plástico. Esta mensaxe esperanzadora vai dirixida ás xeracións máis novas, porque son elas as que poden reverter a situación e crear un futuro mellor.
Esta obra encantoume porque permite gozar da súa lectura compartida e achega unha necesaria reflexión sobre un grave problema ambiental que a todos nos incumbe.
Celia Díaz Núñez
______________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]