O programa Pinnguaqta, centrado nos valores inuit, recibe o Premio ALMA (Astrid Lindgren Memorial Award) 2022

Publicado por GÁLIX | 24.3.22 Deixa un comentario

Publicáronse os premios internacionais Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA ), outorgado anualmente polo goberno sueco e que naceron coma homenaxe á creadora de Pippi Mediaslongas e que cunha dotación de 500.000 € son os galardóns internacionais de literatura infantil e xuvenil máis importantes do mundo.

Nestes premios recoñécese o traballo dos diversos actores que conforman o mundo do libro infantil e xuvenil e pode recaer tanto nunha organización coma nun persoa individual. GÁLIX presentara, para esta edición, as candidaturas da Asesoría de bibliotecas escolares de Galicia, como organización que promove a lectura e de Paula Carballeira como autora.

O xurado formado por Constanza Mekis (Chile), Doris Breitmoser (Alemaña), Elena Pasoli (Italia), Basarat Kazim (Paquistán), Sophie Hallam (Reino Unido) e Sylvia Vardell (EEUU) como presidenta, concedeu este premio ALMA ao proxecto Pinnguaqta,un programa de educación infantil comunitario inclusivo e culturalmente significativo que está deseñado e centrado nos valores sociais inuit que está incluído dentro do Ilitaqsinniq, Iniciativa de Alfabetización Interxeracional e Familiar (Consello Literario Nunavut) de Canadá.

Valorou que se trata dun programa con impacto real sobre os destinatarios previstos e avaliable obxectivamente. E tamén que leva en funcionamento máis de dous anos, con fontes de financiamento propias. Considera que é un proxecto orixinal e innovador que pode ser modelo para outras posibles iniciativas.



Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]