Muller X Muller. Unha selección de LIXG para celebrar o 8M

Publicado por GÁLIX | 8.3.21 Deixa un comentario

Para celebrar este 8m de 2021, GÁLIX seleccionou unha ducia de textos galegos, publicados ao longo de 2020, escritos e ilustrados por mulleres e nos que o xénero é un factor determinante.

A edición do vídeo é Carlos Nogueira sobre o texto e a voz de Pilar Sampedro e publicado baixo licenza CC BY-NC-SA 4.0.

 Dende GALIX quixemos celebrar o 8 de marzo facendo visibles as mulleres na literatura infantil e xuvenil galega. Mulleres escritoras, mulleres ilustradoras, mulleres formando parte das historias destes libros.

Recollemos da produción do ano 2020 unha ducia de libros, dous xuvenís: A noite da deusa de María López Sande e Super Ulex de Susana Sánchez Aríns.

  • Anoite da deusa, un texto de María López Sande publicado por Galaxia. Unha comunidade secreta traballa desde tempos antigos para construír prezados obxectos que outorgan poder ás mulleres. Se conseguen os sete obxectos máxicos comezará unha nova era na que por fin as mulleres camiñarán ao lado dos homes.
  • Super Ulex de Susana Sánchez Aríns en Cuarto de Inverno. Cando volve ao cole, despois de recibir quimioterapia, Clara non resiste as inxustizas, coa força e reflexos de jeito descomunal convértena nunha super heroína necesaria.
  • A lavandeira de San Simón de Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores e publicado por Xerais. Unha nena cóntanos o que sucede na súa primeira visita ao campo de concentración da illa de San Simón. Acompaña á nai, que é unha das mulleres que lle lavan a roupa aos presos republicanos e lles levan algo de comida. Mulleres solidarias. Carabela de Paula Carballeira, ilustrado por Abi Castillo e publicado por Galaxia. Unha obra de teatro protagonizada por unha nena cociñeira dun barco que naufraga; está na illa de plásticos no medio do mar e crea unha boneca coa que poder falar. Mulleres denunciando o drama ecolóxico.
  • Elisa e Marcela con texto e ilustracións de Xulia Vicente, publicada polo Consello da Cultura Galega. En banda deseñada cóntase a historia destas mulleres que se namoraron cando estudaban maxisterio e se casaron a principios do século XX na primeira voda sen home cunha delas disfrazada, polo que foron perseguida e remataron as súas vidas na diáspora.
  • Femenino singular en plural de Concha Blanco, ilustrado por Laura Romero e publicado por Baía edicións, dirixida, tamén, por unha muller, Belén López. Un poemario no que a través dunha historia protagonizada por unha nena e un neno nos van presentando, en verso, a historia dunha serie de mulleres pioneiras.
  • Lobo Ramón de María Canosa e ilustrado por Nuria Díaz. O protagonista non é unha muller, pero este lobo racha todos os estereotipos de xénero. Está publicado por oqueleo, Obradoiro, unha editora dirixida tamén por unha muller, Ana Guerra.
  • Lúa en Ningures de Beatriz Maceda, ilustrado por Laura Veleiro e publicado por Xerais. Lúa, unha rapaza que fuxe coa súa familia da guerra e remata nun campo de refuxiados, aí, no medio da desesperanza axuda a abrir unha físgoa de luz.
  • Medialeva de Ana Moreiras publicado por Aira. Banda deseñada con perspectiva de xénero. Quere ser unha homenaxe ás mulleres que manteñen a flote o campo galego, contando as súas historias e dándolles voz.
  • Tresbichicomas, dúas illas e unha serea de Rosa Aneiros ilustrado por Abi Castillo e publicado por Xerais. Acadou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Edelmira, a protagonista, mantén unha relación moi especial coa avoa morta, ela cos dous amigos e o avó apoian a unha refuxiada que aparece na praia cal serea.
  • Ardora de Beatriz Maceda,  ilustrada por Laura Veleiro e publicada por Urco. Ganadora do premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Cando as nais de Nereida marchan de xira, ela e mais os seus irmáns Andón, Magana e Kuru quedan ao cargo da súa tía Lola e vivirán unha aventura que ten moito que ver coa ecoloxía.
  • As mil vidas de Dorotea de Lorena Conde ilustrada por María Brenn e publicado por Cuarto de inverno. A actriz e dramaturga Dorotea Bárcena, de volta á infancia, fálanos da necesidade de contar con papeis axeitados para as mulleres; para todas as mulleres, con todo tipo de corpos, e faino a modo dunha pequena obra de teatro.

Muller por muller.

Mulleres por mulleres

Mulleres que escriben, ilustran e editan para todas e todos.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]