MARZO
2021
Recomendamos: A Moura que creou o mundo. O mito galego da creación de Rafael Quintía.
Este libro encantoume porque achega ao lectorado infantil, dunha forma áxil, clara e concisa, o saber que durante tantos anos foi compilando o antropólogo Rafael Quintía sobre a Moura, figura catedral da mitoloxía galega.
O volume acolle un conto que nos vai debullando moitos datos sobre a lenda desta muller que é moza, señora e vella ao mesmo tempo, unha muller que o creou todo desde a nada e que sempre estivo, e segue estando, omnipresente. Tamén dá conta das pegadas que quedan dela en nós na xeografía, na fala ou nas cantigas.
Nótase
o dilatado traballo de campo do autor. Nótase o amor polo pasado e
polo que é propio, así como tamén a vontade de poñer en valor a
literatura oral. De feito, é unha achega editorial que se pode
celebrar desde o momento en que atesoura, de forma escrita, historias
que foron voando de boca a orella durante tantísimo tempo. Ao remate
do conto, ademais, atopamos o "Manual da Moura", un
apartado que contén unha explicación de corte máis ben
enciclopédico e no que se inclúen fotografías de diversos lugares
de Galicia relacionados con esta muller.
Por todo isto, trátase este dun libro que nos permite coñecer "quen foi a Moura e todo o que fixo por nós", idóneo para difundir un mito que se foi alimentando ao longo dos tempos de xeito colectivo, que fala de nós e que nos explica.
Tamara Andrés
______________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]