Este libro encantoume (xuño 2019)

Publicado por GÁLIX | 6.6.19 Deixa un comentario
XUÑO 2019



É este un conto para o deleite dos sentidos. Só os que estiveron nun zoco árabe como o da cidade siria de Alepo, ou calquera outro, saben do bulir incesante de sensacións que se perciben. Só os que pasearon por esas prazas e rúas puideron sentir o verdadeiro pálpito da vida. Alí, en ese escenario, onde tampouco falta a música, nin os buscadores de palabras, “que apañan contos como outros cereixas”, nin os narradores e narradoras, que engalanan as palabras e as lanzan ao ceo como se de cometas se tratase, sitúanos Marilar Aleixandre da man de Antoine Galland, personaxe real, orientalista francés do século XVIII, disposto a escoitar o conto clásico de Alí Babá.

    As palabras en lingua galega escollidas pola autora, que parecen estar cosidas con fíos de seda, van recreando unha trama coñecida, que a pesares diso, non perde interese nin intensidade, senón máis ben o contrario, acrecentan a nosa curiosidade. Do mesmo xeito, e de forma simultánea sentímonos seducidos polo personaxe de Morxiana, muller feiticeira e intelixente que non dubida en empregar todas as súas armas para enfrontarse aos bandidos e vencelos. Ela é a verdadeira protagonista da historia. Unha escrava que sirve na casa de Alí Babá e que rachará coas leis do seu destino. A mirada feminina queda abertamente manifesta dende o momento que Marilar Aleixandre inclúe o nome de Morxiana no título do conto. Unha maneira de visibilizar e facer xustiza a tantos anos de silencio.
    Tampouco faltan na historia chiscadelas alusivas ao tempo actual: aos banqueiros, á venta de petróleo... que denotan que os tempos non evolucionaron tanto como, talvez, pensamos.
    Desfrutamos desta lectura do conto tradicional, que non varía a trama, nin os personaxes, pero que aporta un estilo de narrar suxestivo desde a mirada de hoxe e cunha perspectiva de xénero necesaria para poñer en valor o papel dunha muller, Morxiana, no lugar que sempre lle correspondeu.
Dolores Tobío Iglesias



Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]