FEBREIRO, 2019
Recomendamos
Fóra do normal, de María Reimóndez.
André é un adolescente
que vive angustiado por un corpo que non sente como seu. Digamos que a súa
identidade oficial non encaixa coa real.
Rexeitado polo seu pai
que non foi quen de acéptalo como é, e obxecto de burlas e agresións constantes
no Instituto, vai sobrevivindo co único apoio da súa nai e dos referentes que
lle proporcionan os seus cómics e heroes favoritos.
Semella non haber
solución, pero a súa vida vai dar un xiro cando unha nova alumna, chegada da
aldea, Mucha das Anzas, se converte na súa compañeira de pupitre. Nun primeiro
momento, André, afeito aos abusos, séntese intimidado polo seu físico e pola
súa actitude desafiante. Mais esta rapaza, gorda, desaliñada, que di o que
pensa sen filtros, que non é “politicamente correcta” e que por riba vén do
rural, non só non se sente fóra de lugar, senón que acepta con naturalidade a
realidade de André. Entre eles vaise trabando unha amizade á que axiña se
incorporan Xela e Martín, o que fora un dos seus acosadores, cadaquén coa súa historia pasada o os seus propios
conflitos. Co coñecemento mutuo e coa confrontación de cadansúas realidades
vaise tecendo unha rede de afectos que será determinante para que André perda o
medo a ser quen é e poida definirse á fin como adolescente trans.
Fóra do normal é boa literatura, máis tamén amosa unha forte vontade de contribuír á
transformación da sociedade, manifesta xa dende a propia dedicatoria “Para todas as persoas mozas que vos negades
a ser expulsadas ás marxes, porque en vós aniña un futuro sen caixas en que
encerrar a cadaquén, para que nunca vos falte a coraxe de ser quen sodes.”
Reimóndez cre na capacidade da
literatura para aprendérmonos a pensar, para axitar conciencias, para mudar
referentes, para insinuar camiños.
A transfobia mais tamén o
sexismo, o acoso, a situación da lingua galega están presentes no relato, no
contexto e nas crenzas e comportamentos das/os personaxes aínda que sempre atopan o seu contrapunto noutras ideas
e condutas: a aceptación e valoración da diversidade, o coñecemento , a
amizade, o respecto o feminismo como anversos e reversos que axudan a
quen está a ler a cuestionar uns e a construír outros referentes. Pero tamén
elabora con moita mestría un relato terapéutico, balsámico, que pode ser libro
de cabeceira para aqueles e aquelas que
coma o noso protagonista sofren, están confusos, en soidade.
Ben con pinceladas ou con
maior profundidade describe, con habilidade, contorna e personaxes. Unha contorna adversa que ben recoñecemos e que
despraza as persoas diferentes á periferia da sociedade e uns personaxes cos que resulta moi fácil empatizar. Ademais de André, o protagonista e narrador
da historia, destaca a personaxe de Mucha, que funciona como catalizadora dos
cambios de André e do resto do grupo. É unha personaxe lúcida, afastada de
estereotipos e complexos, que coa súa naturalidade e franqueza salvaxes achega
ademais un contrapunto de humor ao relato: “Xa
sabes que é un home sen pirola. Un tipo xenial”.
Cabe salientar o uso que
a autora fai dos súper heroes e súper heroínas do universo da banda deseñada
como fío condutor do relato e da evolución psicolóxica do protagonista. Un
recurso central no texto e todo un acerto.
Á fin e ao cabo André é un heroe, “a
quen non lle fan falla nin leotardos, nin disfraces de morcego, nin mutacións
para entender que o maior acto de heroísmo para moitas persoas é, simplemente,
contra vento e marea, ser”.
Oficio literario e
compromiso social, unha vez máis, nesta nova obra de María Reimóndez,
galardoada co ben merecido I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil
e Xuvenil pola igualdade.
Grazas, María, por este
libro tan necesario
Elena
Pernas Lázaro
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección
Este libro encantoume da
OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións
aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,
no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en
nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]