Este libro encantoume (marzo 2019)

Publicado por GÁLIX | 27.2.19 Deixa un comentario
MARZO, 2019

Recomendamos Os días lebre de Clara López.


Elixo este magnífico libro de poemas Os días lebre, digno de ser comentado pola súa calidade literaria e plástica.
En xeral, un poemario debidamente ilustrado, adoita ter tres lecturas:
Unha textual, a dos propios poemas. Outra visual, a das imaxes, e unha terceira, a máis importante quizáis, a da lectura simultánea do poema e da imaxe nun único contexto de espazo e tempo. Esa ósmosis ou interrelación necesaria entre texto e imaxe fai que o significado do poema acade dimensión e riqueza, tanto no discurso metafórico e sinestésico, como no mnemotécnico ao aportar claves visuais que favorecen a memorización.
En Os días lebre cúmprese esta premisa na súa práctica totalidade. Podería elixir como testemuño do que acabo de dicir calquera dos quince poemas que aparecen no libro. Adoitan facer gala desa metáfora intelixente; da música das palabras espidas entre signos ortográficos; do ritmo e da cadencia meditadas…
O poema Os verbos difíciles dinos:
… Os verbos difíciles
van en parellas.
Suxéitanse ao pasado,
polo que pode pasar
nun futuro perfecto,
tan perfecto,
tan futuro,
que xamais.

O xogo e o ritmo que acadan as palabras neste poema, transmiten ao lector esa dimensión única propia da obra de arte. Esa capacidade de ir máis alá do sensible. De emocionar…
O mesmo sucede co poema Lento:
…lento coma o vento
cando é alento.
lento coma a onda
cando é o mar.
E escoítoo,
e aliméntoo,
e lévoo a pasear.

E así podería seguir citando ritmos e músicas, e metáforas intelixentes como significantes deste poemario de Clara López que, que se ve medadro pola complicidade da imaxe.
En Os días lebre as ilustracións de Marcos Viso son, de seu, poesía visual. Paralela e connotativa á súa vez co texto. Neste contar gráfico, o ilustrador crea un personaxe feminino que vai mudando de nena a avoa según os dictados do texto. Amósase sempre de perfil. De canto. Avanzando na dirección da lectura, sobre un camiño de cor verde desgastado. Raras veces mira atrás. Un ceo areoso, e un mar, que pode ser río, ou auga en palangana, acompáñana na viaxe
Esta nena, de grafía plana, casi transparente, é a protagonista dunha historia lineal que comeza pola cuberta. Percorre todo o libro, pero en cada poema fai unha parada. E mira. Procura esa metáfora, tamén intelixente, que complemente a lectura do poema. Aínda así, a historia que Marcos Viso conta, prosigue. Continúa ata o final para rematar o libro nunha dobre páxina, coa nena deitada ao carón do río mentras fala cun peixe:
…Os nosos ríos
son os días,
que van dar
ao amar.

Xosé Cobas
Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]