NOVEMBRO 2024
Recomendamos Travesía unicornio de María Canosa
"Travesía unicornio” é a primeira obra dramática da autora. Con ela obtivo o premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia. Tamén é a primeira na que o humor é permanente en todo o texto, como fío condutor, sen que este reste importancia aos valores que transmite a obra.
O texto parte dunha situación “moi teatral” que chama a atención do público (tamén do lectorado), o escenario está ás escuras, unicamente se escoitan as voces e os ruídos; a intriga está servida.
Os personaxes, un neno e un unicornio, comezan a tecer unha disparatada sucesión de diálogos, baseados no rexeitamento do unicornio polo seu corno, algo que o neno non comprende.
Todo se volve máis surrealista logo de prender a luz dunha lámpada eléctrica que atopan sobre unha mesiña. Isto produce a aparición do terceiro personaxe en discordia, unha xenia disposta a cumprirlles os desexos. Todo parece sinxelo, salvo que o desexo do unicornio é o de non ter corno, mentres que o do neno busca todo o contrario, que o seu amigo continúe sendo ese ser que el tanto adora. No que si están de acordo é en dubidar do poder da xenia, pois xamais pensaran que puidese existir. De xenios moito temos lido e escoitado, pero... e de xenias? A xenia, a quen non lle gustan as andrómenas, desespérase coa complicidade e rifas dos dous amigos, o que fai que lle salte o xenio polos aires.
As continuas discusións entre os tres tiran do sorriso e a gargallada, ao tempo que fan reflexionar sobre o valor da amizade e do dereito a que cada un, ou cada unha, sexa quen queira e como queira. Non debemos esquecer que tanto os xenios coma as xenias nos poden cumprir os desexos, calquera que sexan estes e nós, pois desexar convertérmonos en unicornios, piratas, ou bolboretas non é nin de nenos nin de nenas, xa que todos somos iguais en desexos, dereitos e oportunidades.
Pilar Sampedro
_______________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]