Algunhas das persoas coas que contactamos para colaborar na sección “Este libro encantoume”, na que damos conta dos últimos lanzamentos editoriais da nosa LIX, consultan a posibilidade de comentar algún libro de calidade, con máis de tres anos de antigüidade.
Por iso, atendendo esta suxerencia das nosas socias e socios, desde o blog de GÁLIX queremos poñer en marcha un novo proxecto ao que imos chamar “Rescate en audio”.
Ao seu abeiro, as persoas asociadas poderán achegar as súas críticas, reflexións e lembranzas persoais sobre obras clásicas da literatura infantil e xuvenil galega, de ficción ou non ficción. Deste xeito, pretendemos darlles espazo aos libros que, sen seren novidades recentes, dalgún xeito deixaron pouso e marcaron o camiño no que é o LIXG actual.
O formato que empregaremos será o dunha breve peza de audio, en formato MP3, de entre 3 e 10 minutos de duración e cun enfoque completamente libre.
As colaboracións recibidas publicaranse no blog e incorporaranse ao programa Rescate en audio da plataforma iVoox.
Calquera persoa asociada que queira enviar a súa colaboración pode facelo a través do correo da asociación: galixblog@gmail.com, indicando na cabeceira da mensaxe o nome da sección e o título da obra seleccionada.
Grazas pola vosa colaboración!
Moi boa iniciativa. Admitides colaboracións de adolescentes? Sería un bo xeito de que pescudaran nas obras LIX non tan recentes.
ResponderEliminar