O Premio "Raíña Lupa" de literatura infantil e xuvenil naceu no 1998, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, coa vontade de fomentar a creatividade literaria dirixida ao mundo dos máis pequenos e de facer memoria desta personaxe de lenda vinculada ás terras de Compostela.
Este ano foi a primeira vez na que o premio se convocou de forma independente en dúas categorías: Literatura Infantil e LIteratura Xuvenil.
Na categoría de Literatura Infantil resultou gañadora a obra Terás que crela de Érica Esmorís na que o xurado destacou “a potencia da voz protagonista, o sentido do humor e a proposta lúdica da historia".
Na categoría de Literatura Xuvenil gañou a obra de Rosa Aneiros, Unha historia de amor como outra calquera, en opinión do xurado, "unha obra áxil, con estrutura circular, que fai un uso da lingua actual e vivo que establece un contraste interesante entre o mundo cotiá da adolescente protagonista e o mundo científico da Antártida".
En edicións anteriores, gañaron o premio Raíña Lupa os escritores Rafael Fernández Lorenzo, Lois Pérez Díaz, Andrea Maceiras Lafuente, Valentín Alvite Gándara, An Alfaya, Xosé García Rodríguez, Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz.
0 comentarios:
[Comentario blog]