OUTUBRO 2024
Recomendamos Mambrú volveu da guerra de Carlos Labraña
Coñezo ao dramaturgo Carlos Labraña dende hai tempo, e lin boa parte da súa obra publicada, polo que tiven a sorte de vivir parte do seu progreso no oficio da escrita. Para min é un referente innegable do teatro galego. Todo o dito provoca que, no momento de achegarme a un novo título asinado por Labraña, a expectativa sexa alta. Agardo gozar da súa habilidade para abordar diferentes temáticas sociais (xa sexa a través do humor ou do drama); logrando neste proceso tocarme a alma.
”Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada” (Editorial Galaxia, 2016) “O valo” (Edicións Xerais, 2017) , ou a recente “Ícaras” (Editorial Galaxia, 2024), entre outros son mostras de todo isto.
Neste “Mambrú volveu da guerra” acada un altísimo nivel literario. A través da palabra constrúe un relato no que tanto os escenarios coma os personaxes que os habitan espertan no lectorado un latexo diferente que pode desembocar en bágoa ou en tenro sorriso.
Diría que é difícil non emocionarse ante unha obra que, con enorme sensibilidade, sitúa diante do lectorado unha temática tan complexa, e necesaria, como é a “Memoria histórica”. Todo está na dose xusta, coma se Labraña acadase o segredo da cantidade exacta de palabra, o silencio medido, a imaxe precisa.
As palabras emoción, dozura e conmovedor aparecen en moitos dos textos que fan referencia a esta obra de teatro. Porque non esquezamos que estamos antes unha marabillosa obra de teatro, mellor dito: TEATRO Así en maiúsculas e negriña para que se vexa ben.
Dende que caeu nas miñas mans, e deitei a miña alma nas súas páxinas, quedei prendido, e debo confesar que é un dos libros que levo na miña mochila durante as miñas visitas a centros educativos. Recomendando a súa lectura tanto ao alumnado como ao profesorado.
Engadir que a poesía pode estar presente nun libro de moitos xeitos, e este libro é poético na palabra, e tamén nas imaxes creadas por Raquel Lagartos. Formando ambas un conxunto en perfecta harmonía. Malia o dito, esquezan a miña voz escrita e ollen a delicada portada que vai canda esta recesión. Creo que é proba suficiente.
Só lles podo desexar que fagan camiño ao carón de Noa e que se deixen levar pola maxia desta obra.
Obra escrita en galego por Carlos Labraña que acadou o XXIII PREMIO SGAE DE TEATRO INFANTIL 2022.
_______________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]